Nova: Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño con motivo do 64º aniversario do seu nacemento
31/07/2014
Homenaxe a Roberto Vidal Bolaño con motivo do 64º aniversario do seu nacemento
Promovido polo Concello de Brión, no acto descubriuse un busto do dramaturgo na carballeira de Santa Minia, onde ensaiaba co seu grupo Teatro do Aquí
Brión (A Coruña), 31 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou este serán na homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, no día en que se cumpren 64 anos do nacemento do dramaturgo compostelán.
No marco do acto promovido polo Concello de Brión, no que se descubriu un busto de Vidal Bolaño na carballeira de Santa Minia, o responsable de Cultura destacou a efeméride como “unha oportunidade para recordar e poñer en valor, unha vez máis, a súa frutífera contribución ao teatro galego”. “Familiares, amigos e amigas, representantes de diversas institucións, compañeiros e compañeiras de profesión –dixo–xuntámonos arredor de Vidal Bolaño e tomamos parte nesta homenaxe a quen foi e seguirá sendo un referente no ámbito teatral galego”.
Unha efeméride para lembrar o seu legado
En alusión á efeméride do aniversario do escritor homenaxeado coas Letras Galegas en 2013, o secretario xeral de Cultura apostou por aproveitar celebracións compartidas coma esta para “lembrar o seu legado artístico, nas súas diferentes facetas, para manter viva a súa contribución á cultura galega e, sobre todo, para convidar a toda a cidadanía a transitar a súa obra”.
A carballeira de Santa Minia, onde Roberto Vidal Bolaño ensaiaba co seu grupo Teatro do Aquí, foi o escenario elixido para situar o busto de Roberto Vidal Bolaño, deseñado polo Xosé Vizoso e elaborado en bronce polo propio artista en colaboración con Roge Fernández.
O pasado ano, na véspera do 17 de maio, a Xunta de Galicia tamén contribuíu ao recoñecemento do dramaturgo cunha placa no Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego.