Nova: Galicia e Arxentina potencian o intercambio cultural cun encontro de artistas en Córdoba

09/12/2016

Galicia e Arxentina potencian o intercambio cultural cun encontro de artistas en Córdoba

Expórtase ao outro lado do Atlántico o Encontro de Artistas Novos (EAN) que se celebra no Gaiás desde 2011

O secretario xeral de Cultura da Xunta viaxa a Córdoba para apoiar esta experiencia na que conviven creadores dos dous continentes

 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2016.- O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, apoiou esta mañá na cidade arxentina de Córdoba o primeiro Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’ que se celebra no país americano. Co obxectivo de reforzar os lazos culturais con Galicia, o Ministerio de Cultura da República de Arxentina, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación da Xunta e co apoio da Municipalidade de Córdoba, importou este modelo de xuntanza de creadores emerxentes que ten lugar no Gaiás cada mes de setembro desde 2011.

Anxo Lorenzo referiuse ao Encontro de Artistas Novos (EAN) como “un foro no que compartir experiencias e entrar en contacto con artistas consolidados”. Así mesmo, destacou a contribución da iniciativa para “favorecer un debate colectivo arredor da arte contemporánea” e para “ofrecer unha plataforma coa que lle dar visibilidade a proxectos cos que se está a renovar a creación artística actual”.

Logo de facer un balance positivo do EAN desde a súa posta en marcha hai seis anos na Cidade da Cultura, tanto no que se refire á participación como á materialización de novas propostas artísticas, o secretario xeral destacou “o salto” dos encontros a outras cidades de España e, especialmente, ao continente americano, en referencia á edición do ano pasado en Uruguai e á deste ano en Córdoba. “Galicia –afirmou– ten na internacionalización da súa cultura unha das súas prioridades e, por historia, por lingua e por lazos humanos, América preséntase como un destino natural para abrir novos escenarios de colaboración e de creación conxunta”.

Finalmente, Anxo Lorenzo amosouse convencido que “desta experiencia de Córdoba sairán propostas que integren o talento dun e doutro país”. “Se o pasado e o presente común de Galicia e de Arxentina achegan unha base cultural sólida desde a que traballar, o futuro para manter esta alianza creativa imaxínase en encontros coma este”, concluíu.

Como os Encontros celebrados en Galicia, o de Córdoba está dirixido por Rafael Doctor. Un programa de bolsas do Goberno de Arxentina fixo posible que quince artistas seleccionados en toda España puidesen viaxar a Córdoba, onde conviven con outros quince creadores dese país. Ademáis, a selección do panel de relatores inclúe dúas recoñecidas artistas galegas, Ruth Montiel e Carla Andrade, que representan algunhas das propostas máis interesantes que teñen xurdido en Galicia nos últimos anos.

O secretario xeral de Cultura atópase xa en Uruguai, a onde se trasladou para participar esta tarde na inauguración da exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ no Centro Cultural de España en Montevideo. A mostra, inaugurada na Cidade da Cultura de Galicia en novembro de 2015, viaxou despois á sede do Instituto Cervantes en Madrid para continuar a súa itinerancia por América, cunha primeira parada no Centro Borges de Bos Aires e agora en Montevideo, cidades todas vinculadas á biografía do fotógrafo galego.

Con este proxecto, a Xunta busca recuperar un dos grandes referentes da historia de fotografía en Galicia e España, creador que encarna na súa propia obra o pasado compartido entre Galicia e América Latina. 

Comparte