Nova: O CDG producirá en galego a Valle-Inclán no 2017
13/12/2016
O CDG producirá en galego a Valle-Inclán no 2017
Montará as obras de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán no espectáculo dobre Martes de carnaval
Presentouse a produción propia, as coproducións, as residencias e as demais actividades formativas e de exhibición que centrarán a temporada 2016-2017
A lectura dramatizada da novela de Carlos Casares ‘Os mortos daquel verán’ e o texto de nova creación ‘Elisa e Marcela’ súmanse aos proxectos compartidos con compañías privadas
A atención ás dramaturxias actuais pasa a ser un plan de acción continuada, publicarase unha nova colección editorial e potenciarase a carteleira do Salón Teatro
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe os principais proxectos da temporada 2016-2017 do Centro Dramático Galego (CDG), entre os que destacou a estrea o próximo 31 de marzo da obra de Ramón María del Valle-Inclán co espectáculo ‘Martes de Carnaval’, integrado polas pezas ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.
Román Rodríguez explicou que o paso a dominio público en 2017 da produción literaria do autor arousán posibilita legalmente a súa tradución a calquera das linguas do Estado, circunstancia “tan agardada e excepcional —dixo— que determinará a actividade do CDG e de toda a futura escena galega”.
Así, co mesmo nome da triloxía publicada en 1930, ‘Martes de Carnaval’, chegarán en galego aos escenarios dúas obras cumio da época do esperpento, baixo a dirección de Tito Asorey (‘As galas do defunto’) e de Marta Pazos (‘A filla do capitán’); e cun elenco de dez actores e actrices que será escollido nun proceso de audición pública. Neste sentido, o conselleiro engadiu que a incorporación de Valle ao repertorio teatral galego non é a única pretensión da montaxe, senón que o CDG aspira a achegar unha nova mirada sobre a obra dun dos dramaturgos máis universais de todos os tempos.
Na presentación, que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago, a directora do CDG, Fefa Noia, debullou o plan de actividade previsto ata outubro de 2017 nun acto ao que asistiron representantes de colectivos do sector teatral galego e moitos dos creadores e intérpretes implicados nos proxectos anunciados. Tamén participaron na comunicación destes contidos o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
Plan de coproducións
Ademais da montaxe de Valle-Inclán, o Centro Dramático suma outros catro títulos que se materializarán en réxime de coprodución con compañías privadas. Deste xeito, aos xa coñecidos ‘O conto de inverno’, de W. Shakespeare, e ‘Vida e morte de Daniel Faria’, de Pablo Fidalgo, que se exhibirán en Compostela no mes de xaneiro, incorpóranselle dous novos proxectos. O primeiro deles será ‘Os mortos daquel verán’, unha lectura dramatizada sobre a novela policial de Carlos Casares con adaptación de Diego Rey e Artur Trillo, realizada xunto con Talía Teatro e a Fundación Carlos Casares, que será escenificada do 16 ao 18 de maio e coa que o CDG se suma á homenaxe do autor do Día das Letras de 2017.
‘Elisa e Marcela’ é a outra montaxe elixida, desta volta en coprodución con A Panadaría, para levar a escena un texto sobre as mulleres protagonistas do primeiro matrimonio homosexual que tivo lugar en España, concretamente na Coruña, en 1901. Gena Baamonde e Esther F. Carrodeguas son tamén coautoras deste texto, que ten planificada unha residencia artística en setembro e as representacións en outubro no Salón Teatro, xa como avance da temporada 2017-2018.
Acompañamento a artistas e autores
Precisamente, o plano de residencias sairá reforzado nos vindeiros meses e enfocarase, sobre todo, a artistas pertencentes ás novas xeracións escénicas. Os medios técnicos e humanos da sede escénica do CDG, o Salón Teatro, poranse a disposición do desenvolvemento destas novas propostas. Así, ademais da citada ‘Elisa e Marcela’, darase cabida a ‘Salvador’, con texto e dirección de Borja Fernández; ‘Política de terra queimada’, de Germán Gundín, Merche Pérez, Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas; ‘Desconexión’, con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso; e ‘Tropical’, de Gonçalo Guerreiro e María Torres.
Tamén a atención aos autores será un dos eixos fundamentais da actividade do CDG, xa que despois da celebración das Xornadas sobre Dramaturxia Galega entre os pasados 8 e 9 de decembro en colaboración coa asociación DramaturGA, o selo Dramaturxente, baixo o que se organizaron, manterase activado durante todo o ano para dar proxección sobre as táboas a textos escritos na actualidade en Galicia. De feito, sete dos proxectos que se realizarán no marco das residencias e das coproducións da compañía pública insírense neste programa continuo.
Colección ‘O papel do teatro’
Os apartados de formación (coa colaboración en iniciativas pedagóxicas tanto para profesionais como para público xeral), de servizos á cidadanía (cesión de materiais e de espazos, visitas guiadas...) e de publicacións serán, así mesmo, prioritarios para o CDG.
Neste último punto destaca a nova colección editorial titulada ‘O papel do teatro’, coa que a compañía institucional recupera a publicación de pezas dramáticas. Trátase dunha serie que incluirá os textos montados polo CDG ou coa súa participación e que non tiveran sido editados con anterioridade. Ademais das obras escritas, cada entrega presentará graficamente materiais adicionais e fotografías das postas en escena. O primeiro número de ‘O papel do teatro’ verá a luz a principios de xaneiro e dedicarase a ‘Tartufo’, a produción estreada o pasado setembro polo CDG sobre a obra de Molière con dirección de Carles Alfaro, actualmente en xira polos escenarios galegos. O segundo número ocuparano as dúas pezas do Proxecto Nós, compartido desde 2015 con entidades teatrais portuguesas: ‘Bilingue’, do luso José María Vieira Mendes, e ‘O mundo persistente’, do galego Fernando Epelde.
Escenario multidisciplinar
Desde o Salón Teatro, o CDG seguirá traballando para o encontro co público e como escenario multidisciplinar para a exhibición preferente dos espectáculos producidos en Galicia e para a proxección dos seus creadores. A intensa e variada carteleira que se vén ofrecendo desde o número 34 da compostelá rúa Nova continuará ao longo de 2017 cunha programación aberta ao teatro, á danza, ao audiovisual e á música, e na que todo os proxectos directos do Centro Dramático Galego terán presenza.
No que atinxe á programación externa, neste mesmo mes de decembro en curso, o Salón Teatro acollerá a montaxe ‘Illa/Ollo’, de Nasdrovia Teatro (días 16 e 17) e o concerto ‘Cantos de poeta’ polo grupo Gelria (día 27); e desenvolverá o novo ciclo infantil ‘Gran teatro para os máis pequenos’, que combinará obradoiros especialmente pensados para os nenos e nenas coas funcións a cargo de Berrobambán (con ‘Xurdefet’, os días 22 e 23), Pérez & Fernández (con ‘O poder de Amabel’, os días 29 e 30) e Elefante Elegante (con ‘A danza da choiva’, o 7 e 8 de xaneiro).
O calendario de representacións continuará durante todo o ano coas últimas propostas de compañías como Talía Teatro, ilMaquinario, Teatro do Atlántico, Aporía Teatro, Teatro en Punto (que abrirá a nova sección Teatro Ob-sceno), Diego Anido ou Avento Producións. Ademais, o Salón Teatro prestarase a ser sede de eventos como o festival ‘Escenas do Cambio’ da Cidade da Cultura de Galicia, o XXIII Festival Internacional de Teatro Universitario, a Mostra de Teatro Universitario de Galicia, a Mostra de Cinema Etnográfico ou o mercado Galicia Escena PRO, que organizará a Agadic do 12 ao 15 de xuño de 2017.