Nova: O programa En Residencia do CDG estrea Desconexión, de Xurxo Cortázar
07/02/2017
O programa En Residencia do CDG estrea Desconexión, de Xurxo Cortázar
O espectáculo, dirixido por Santiago Cortegoso, representarase no Salón Teatro os días 10, 11 e 12
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017.- A compañía do creador e intérprete Xurxo Cortázar ocupa esta semana o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde estreará o espectáculo ‘Desconexión’ o venres día 10 ás 20.30 h e levará a cabo dúas funcións máis o sábado 11 (tamén ás 20.30 h) e o domingo 12 (ás 18.00 h). Serán as primeiras representacións para público xeral desta montaxe, que conta con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso, como remate ao traballo técnico-artístico que está a desenvolver dentro do programa de residencias do Centro Dramático Galego (CDG).
No marco dese mesmo plan de actividade, no que a compañía pública de teatro presta apoio ás formacións galegas, xa pasaron polo Salón Teatro con anterioridade os espectáculos ‘Salvador’, de Borja Fernández, e ‘Política de terra queimada’, da compañía Santa Nómina. En próximas datas beneficiaranse tamén deste sistema as montaxes ‘Tropical’, de Elefante Elegante, e ‘Elisa e Marcela’, a cargo de A Panadaría’ en coprodución co CDG.
Os riscos de desconectar da rutina
En ‘Desconexión’, o individuo 724/2013 FK3 cumpre a súa condena conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada, desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano. Ata que escoita unha voz sensual que o fai saír da súa gaiola e emprender unha viaxe cara ao descoñecido. Por fin atopou unha vía para desconectar. No seu periplo vaise atopar en situacións novas para el, que terá que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida.
Así, mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, en ‘Desconexión’ trátanse temas inherentes ao ser humano: a rutina e as gañas de fuxir dela, a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de individualidade, o afán de estar conectado e o afán de desconectarse... Sempre desenvolvidos desde o humor pero co fondo tráxico do sentimento de falta de liberdade para poder tomar decisións propias.
Monólogo cómico e acedo
Despois do seu paso por formacións como Migallas Teatro e Baobab Teatro, o vigués Xurxo Cortázar asume en solitario este espectáculo, para o que conta con dramaturxia e dirección de escena de Santiago Cortegoso e con Crémilo-Carlos Martínez Carbonell na distribución e produción asociada. Outros nomes que figuran no proxecto son Dani Abalo (iluminación e son), Juan Silva (escenografía, vídeo e fotografía) e Juli Morales (deseño gráfico).
O propio Cortázar encarna toda a interpretación nun monólogo de ton cómico pero con fondo acedo, ao que se suman as voces en ‘off’ de Santiago Cortegoso e de Marián Bañobre.
O resultado do traballo amosarase tamén nos próximos días a grupos de escolares en sesións matinais, en tanto que as localidades para as funcións do venres, sábado e domingo están xa á venda na billeteira electrónica de Entradas Abanca.