Nova: Cultura anuncia a restauración das pinturas atopadas na igrexa de Santa Baia de Palio, en Lalín

24/06/2017

Cultura anuncia a restauración das pinturas atopadas na igrexa de Santa Baia de Palio, en Lalín

A intención é comezar o vindeiro ano a segunda fase destes traballos, que incluirían, ademais das pinturas murais, os paramentos e a tribuna do coro

O conselleiro visitou o templo tras o investimento en obras por máis de 126.000 euros

 

Lalín (Pontevedra), 24 de xuño de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou  que o seu departamento ten previsto comezar no vindeiro ano 2018 as obras da segunda fase da restauración da igrexa de Santa Baia de Palio (Lalín). Fíxoo durante a visita a este templo, onde se vén de rematar unha intervención de mellora xeral, centrada na renovación da cuberta. Segundo explicou o conselleiro, durante esta primeira fase de restauración - na que se investiron un total de 126.854,51 euros- descubríronse unhas pinturas murais de considerable valor cultural no muro este do presbiterio. Este achádego, xunto coa probabilidade de que aparezan máis baixo as revocaduras existentes na nave, é o motivo polo que a Consellería considerou acometer unha segunda fase de melloras.

A nova intervención, que suporía un investimento de en torno a 93.000 euros, incluiría a renovación da estrutura de madeira do coro, a limpeza dos paramentos interiores, a finalización da instalación eléctrica e a preinstalación de fontanería e telecomunicacións; ademais da devandita restauración das pinturas.

En canto á obra xa rematada, dirixida polo arquitecto Luís Fernández Fernández, consistiu na consolidación e restauración dos muros da igrexa e na construción dunha nova cuberta. Así mesmo, saneáronse os desperfectos ocasionados pola entrada da auga a través da reposición de carpinterías, colocación da preinstalación eléctrica e dotación de mobiliario mínimo. Ademais, saneouse o adro. Os traballos foron executados pola empresa Rehabita Gestión Integral de Rehabilitación y Restauración S.L.

Durante a súa visita ao templo, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña; polo portavoz do PP, Xosé Crespo; así como por outros representantes políticos e culturais do concello.

Gran interese histórico

A igrexa de Palio é un templo de pequenas dimensións, pero de considerable interese histórico, cuxa orixe se podería remontar ao século XI ou XII. As súas características formais e construtivas son as dos templos románicos rurais tendo, ademais, unha estrutura de cuberta de madeira moi elaborada. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.

Máis de 220.000 euros en conservación do patrimonio lalinense

Por outro lado, cómpre lembrar outras actuacións en materia de patrimonio cultural que se levaron a cabo o ano pasado, tales como os traballos na mámoa nº 1 da Cruz en Alperiz e a renovación da cuberta da igrexa de San Lourenzo de Vilatuxe.

En concreto, a Consellería investiu máis de 220.000 euros no concello de Lalín co obxectivo de restaurar e conservar os bens patrimoniais da zona. Tamén na comarca de Deza se realizou outra intervención de mantemento e conservación do patrimonio cultural, concretamente en Ponte Ledesma, entre o concello coruñés de Boqueixón e o pontevedrés de Vila de Cruces, na cal se investiron en torno a 60.000 euros.

Comparte