Nova: O Resurrection Fest de Viveiro preséntase como referencia mundial en música metal e rock

28/06/2017

O Resurrection Fest de Viveiro preséntase como referencia mundial en música metal e rock

Os alemáns Rammstein encabezan un cartel que reunirá 100 bandas internacionais do 5 ao 8 de xullo na localidade lucense 

O festival recibe cada ano subvención da Agadic

  • Rammstein
  • Obituary
  • Rancid
  • Sepultura

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2017.- O Resurrection Fest de Viveiro presentou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o seu programa deste ano e as cifras de negocio que están previstas para a súa duodécima edición, que terá lugar do 5 ao 8 do mes de xullo, e que fan desta cita galega unha referencia a escala mundial da música de estilo metal, hard rock e punk.

Os lexendarios Rammstein, que actuarán na medianoite do vernes 7 no que será o único directo dos alemáns este ano en en toda a Península, encabezan un cartel de máis de 100 bandas internacionais do xénero, entre as que se atopan outros colectivos emblemáticos como CJ Ramone, Sepultura, Anthrax, Dropkick Murphys, Airbourne, Suicidal Tendencies, Napalm Death, Mastodon, Rancid, Obituary, Holocausto Caníbal ou Agnostic Front.

Nos catro escenarios temáticos que se instalarán no amplo recinto do Resurrection Fest tamén haberá lugar para os artistas galegos e para moitas máis actividades arredor da música extrema. Todo está xa preparado para recibir unhas 25.000 persoas procedentes de máis de 30 países por cada día de celebración.

Unha vez máis, o Resurrection reforza así a súa posición de liderado entre as citas europeas de heavy, hardcore e punk, ao tempo que se consolida como o primeiro e máis antigo festival de rock e metal de toda España e figura no Top Ten de festivais de maior afluencia de público do Estado.

Na presentación que tivo lugar esta mañá interviñeron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Iván Méndez e David Méndez, director e subdirector do Resurrection Fest, respectivamente; María Salgueiro, alcaldesa de Viveiro e Víctor Mantiñán, product manager de SON Estrella Galicia, principal marca comercial patrocinadora do evento. O acto contou tamén coa presenza de José Manuel Balseiro, delegado da Xunta de Galicia en Lugo.

Apoio da Xunta
Jacobo Sutil explicou que o de Viveiro é un festivais profesionais de música que reciben anualmente subvencións da Xunta de Galicia, a través da liña de axudas específica da Agadic para este tipo de eventos, convocatoria que se atopa nestes momentos en proceso de resolución.

Referiuse tamén aos irmáns Méndez como un dos mellores exemplos do que a industria cultural galega é quen de conseguir “cando se traballa de xeito acertado, con solvencia e con criterio”. Neste sentido, engadiu que o seu labor volve situar Galicia como escenario dun “macroevento de cifras que só que contan por milleiros”. Lembrou tamén que son unhas 55.000 persoas chegadas de máis de 30 países as que congrega cada Resurrection nunha localidade de 16.000 habitantes. Isto supón un impacto económico para toda a comarca da Mariña lucense e do Ortegal coruñés que os organizadores cifran en máis de 11 millóns de euros (dos que arredor de 500.000 repercuten directamente nas empresas locais e xeran 800 empregos directos e indirectos).

“Pero o seu mérito no se queda só nestes cómputos, senón que o intenso labor de produción e de xestión que se leva a cabo durante todo o ano desde a organización do Resurrection fai que recibamos en Galicia, nesta vindeira duodécima edición, un cento de bandas senlleiras de metal, hardcore, punk e rock”, expresou Jacobo Sutil.

Na edición deste ano, a organización continúa coa súa aposta por potenciar as instalacións e a ambientación do festival para conseguir, segundo Iván Méndez, “un gran parque temático do rock”, ademais de ampliar o recinto e dotar os visitantes dunha nova zona de acampada. Así mesmo, volve poñer a disposición dos nenos e as nenas o espazo Resukids, onde os máis pequenos poderán gozar da experiencia única do Resurrection Fest a través de xogos e propostas lúdicas adaptadas para as súas idades.

-Web do Resurrection Fest

Comparte