Nova: A Orquestra de Cámara Galega inaugura o II Festival Groba
23/08/2014
A Orquestra de Cámara Galega inaugura o II Festival Groba
Sobranceiros artistas internacionais e músicos galegos de ampla experiencia ofrecerán oito concertos con obras de Rogelio Groba e doutros compositores da música clásica universal
PONTEAREAS (Pontevedra).- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu, no Auditorio Municpal de Ponteareas, ao concerto inaugural, protagonizado pola Orquestra de Cámara Galega, no marco do II Festival Groba.
Este certame converte Ponteareas, do 23 ao 30 de agosto, en centro de referencia musical para afeccionados, intérpretes e creadores galegos, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e o Concello de Ponteareas.
Na liña da primeira edición, o novo festival volverá unir as dúas grandes paixóns do mestre Groba: a composición e a educación de novos valores musicais. Para iso, realizaranse concertos diarios no Auditorio Municipal de Ponteareas, ás 21 horas, nos que se interpretarán diversas composicións de Rogelio Grobra e doutros compositores da música clásica universal, a cargo de sobranceiros artistas internacionais e de músicos galegos de ampla experiencia e traxectoria.
A Orquestra de Cámara Galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, volverá ser, un ano máis, a orquestra en residencia dun festival que, xunto cos concertos, ofrecerá tamén clases maxistrais e obradoiros de formación para ampliar a formación musical dos estudantes. Estas actividades, igual cós concertos, serán de balde e poden consultarse no web www.festivalgroba.com.