Nova: A exposición Mestre Mateo recala en Santiago tras o seu paso polo Museo do Prado

21/07/2017

A exposición Mestre Mateo recala en Santiago tras o seu paso polo Museo do Prado

Esta mostra foi a primeira monográfica dun artista galego acollida pola pinacoteca madrileña

Estará exposta no Pazo de Xelmírez ata febreiro do 2018

 

 

  • O presidente da Xunta asistiu a inauguración da exposición
  • O presidente da Xunta asistiu a inauguración da exposición
  • O presidente da Xunta asistiu a inauguración da exposición

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2017.-  O presidente o Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe na inauguración da exposición Mestre Mateo, que acollerá o Pazo de Xelmírez ata o próximo mes de febreiro do ano 2018 tras o seu paso polo Museo Nacional do Prado.

No marco da inauguración desta mostra, Feijóo enxalzou o labor do Mestre Mateo, xa que “poucas obras de arte se achegan tanto á eternidade” como a do Pórtico da Gloria, da cal foi artífice na Idade Media. A exhibición será comisariada polo doutor en Historia do Arte e conservador do Museo Catedral de Santiago, Ramón Yzquierdo Peiró.

En concreto, a mostra pon en valor e difunde a figura e a obra do artista, reúne as súas principais pezas e potencia a súa presenza no percorrido do museo. Con este obxectivo, publicarase un catálogo monográfico e levaranse a cabo un ciclo de conferencias e un concerto coa reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria.

A exposición Mestre Mateo estivo exposta previamente no Museo do Prado, o que supuxo que, por primeira vez, esta galería acollese un monográfico dun artista galego. Estaba previsto abrila ao público entre o 29 de novembro de 2016 e o 26 de marzo de 2017, pero o seu éxito permitiu que permanecese alí ata o 24 de abril. Neste período, foi visitada por máis de 1,1 millóns de persoas.

Organización da mostra

Os cinco ámbitos temáticos que compoñen a mostra permiten realizar un percorrido polo traballo do mestre na catedral, que se desenvolveu durante a maior parte do século XII e comezos do XIII, e están integrados por unha serie de pezas orixinais que ilustran a construción da catedral compostelá.
Os primeiros céntranse na aparición do mestre en 1168 para levar a cabo as obras, así como a construción da cripta, o Pórtico da Gloria e o coro pétreo, mentres os últimos abordan a influencia do Mestre Mateo na arte posterior.

Comparte