Nova: A exposición Os mundos de Carlos Casares chega a Arzúa
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
06/09/2017
A exposición Os mundos de Carlos Casares chega a Arzúa
Promovida pola Fundación Carlos Casares co apoio da Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2017, a mostra exhibirase ata o 24 de setembro na Casa da Cultura
Arzúa (A Coruña), 6 de setembro de 2017.- A exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, chega hoxe ao municipio coruñés de Arzúa, onde se poderá visitar ata o próximo 24 de setembro na Casa da Cultura. Alí tivo lugar esta mañá a rolda de prensa de presentación da mostra, que contou coa participación de representantes das entidades que promoven e colaboran coa iniciativa.
Desde o Goberno galego, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “apoiamos esta mostra convencidos do seu interese para divulgar o valioso legado dun dos autores centrais da literatura galega; unha figura sobranceira na escrita que levou a cabo un labor fundamental en prol da nosa cultura, da nosa lingua e mais da nosa terra”.
Á rolda de prensa de presentación –na que tamén interviñeron o alcade de Arzúa, José Luis García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Adolfo Garrido; e Chus Martínez, comisaria da mostra– seguirá esta tarde, ás 19:00 horas na Casa da Cultura, o acto de inauguración da mostra, que contará coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Xunta de Galicia.
Descubrindo a Casares
Promovida pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística–, dos concellos de Ourense e de Xinzo de Limia e mais polas deputacións provinciais de Ourense e da Coruña, Os mundos de Carlos Casares é a iniciativa central da conmemoración das Letras Galegas 2017.
Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a mostra propón un achegamento ao universo vital e literario do autor ourensán, a través dunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas, A Viaxe, Conviña... e O Redondel, nos que se tratan aspectos fundamentais da traxectoria vital e creativa de Casares, e da súa interacción co mundo.
Calendario expositivo
No seu percorrido polas catro provincias galegas, Os mundos de Carlos Casares exhibiuse desde o pasado mes de abril nos municipios de Ourense, da Coruña e de Ribeira. As próximas paradas da itinerancia da exposición, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal/axenda, en na web www.lingua.gal, serán nos municipios de Vigo (do 27 de setembro ao 5 de novembro), de Pontevedra (do 8 ao 26 de novembro), de Lugo (do 29 de novembro ao 26 de decembro) e de Xinzo de Limia (a partir do 29 de decembro).
Unha figura central da cultura galega
Membro numerario da Real Academia Galega (RAG) ata o seu falecemento no ano 2002, Carlos Casares Mouriño foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX. A través das súas obras literarias e das súas colaboracións na prensa, o autor adquiriu un compromiso co gran público lector, ao tempo que exerceu un destacado papel como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura e a lingua galegas. Entre eles destacan a editorial Galaxia, da que foi director; o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002; ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia RAG.
Casares tamén levou a cabo un importante traballo a prol da difusión exterior da literatura galega, coa súa participación permanente en espazos de encontro internacional de escritores e escritoras.