Nova: Reeditado As cidades da nada no 60 aniversario do nacemento de Ramiro Fonte

09/09/2017

Reeditado As cidades da nada no 60 aniversario do nacemento de Ramiro Fonte

O secretario xeral de Cultura participou esta tarde en Pontedeume na presentación da reedición do libro As cidades da nada, cando se cumpren 60 anos do nacemento do poeta

Anxo Lorenzo afirma que a homenaxe verdadeira a Ramiro Fonte é seguir gozando coa lectura dos seus versos

  • A biblioteca municipal levará o nome do poeta A biblioteca municipal levará o nome do poeta
  • A reedición do libro As cidades da nada A reedición do libro As cidades da nada
  • Ramiro Fonte | Foto Cervantes Virtual Ramiro Fonte | Foto Cervantes Virtual

Pontedeume (A Coruña), 9 de setembro de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde no acto de presentación da reedición do libro As cidades da nada, de Ramiro Fonte, publicada pola editorial Trifolium. Durante o acto, que tivo lugar na Casa da Cultura de Pontedeume, concello natal do escritor, o representante do Goberno galego asegurou que “a homenaxe verdadeira a Ramiro Fonte é seguir gozando coa lectura dos seus versos”.

“A vida das súas palabras a través dos versos que el construíu é unha forma de transcendencia, unha maneira de permanecer entre nós dun xeito moi especial, cadaquén desde as nosas lembranzas e a nosa lectura, sempre particular, máis aínda na linguaxe poética”, afirmou o secretario xeral.

Segundo recordou na súa intervención, para a reedición do libro, o prólogo do presidente da Xunta de Galicia recupera unha cita aristotélica d’As bandeiras do corsario, de Ramiro Fonte, que di que “a poesía é máis verídica cá historia.” Segundo expresou o secretario xeral, isto é “toda unha significación do papel e da posición ética que o poeta eumés lle outorgou á poesía”. E con esa convicción construíu Ramiro Fonte “a súa obra e o seu camiño de vida, desde a posta en marcha de Cravo Fondo ou da revista Dorna a toda esa colección de poemas coa que nos foi agasallando en forma de libros toda a súa vida”, dixo.

Finalmente considerou que, “nesta celebración de aniversario, cando se cumpren sesenta anos do seu nacemento, a achega que nos fai a editorial Trifolium de renovar as súas páxinas e poñelas de novo na nosa mesa de noite, ou en calquera recuncho que convide á lectura, é a mellor homenaxe para o autor”.

A biblioteca municipal levará o nome do poeta

Previamente ao acto de presentación do libro, o secretario xeral de Cultura asistiu á celebración, na Casa Consistorial de Pontedeume, dunha sesión extraordinaria do Pleno na que se aprobou designar co nome do poeta Ramiro Fonte a Biblioteca Pública Municipal.

Comparte