Nova: O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro

29/09/2017

O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro

A mostra, que leva por título Y, foi inaugurada esta tarde polo conselleiro de Cultura, quen gabou a traxectoria do creador lalinense

Comisariada por David Barro, a exposición permanecerá no Centro Galego de Arte Contemporánea ata o 4 de febreiro

  • O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro
  • O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro
  • O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro
  • O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro O CGAC inaugura a primeira exposición retrospectiva do artista Álvaro Negro

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na inauguración da primeira exposición retrospectiva do artista lalinense Álvaro Negro, que permanecerá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ata o vindeiro 4 de febreiro. A mostra, que leva por título "Y" e está comisariada por David Barro, compóñena pezas pictóricas, fotografías e vídeos desde os anos 90 ata a actualidade.

O conselleiro gabou a figura do creador de Lalín, tanto desde o punto de vista da súa traxectoria persoal como desde o ámbito máis persoal, como veciño do propio artista. Segundo destacou, “Álvaro Negro pertence a unha xeración de creadores sen fronteira, sen fronteira artística, e sen fronteira física”.

Así mesmo, lembrou a forte relevancia plástica do concello de Lalín no panorama galego e nacional, do cal saíron grandes nomes como Laxeiro, Colmeiro ou Lamazares, e aos que agora se suman os da xeración á que pertence Negro. “Non me sorprende que esteamos hoxe aquí. Non me sorprende porque hai tempo que coñezo a Álvaro e, nestes anos, vin como crecía como artista”, recalcou Román Rodríguez, quen recordou tamén as participacións do lalinense na Bienal Pintor Laxeiro ou nos carteis da Feira do Cocido.

Aniversario do CGAC

Ademais, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia puxo de relevancia que, no día de hoxe, o CGAC cumpre xustamente 24 anos. Un centro, ao que definiu como “un contedor cultural de primeira orde e mellor contido”, no cal o propio Álvaro Negro comezou a desenvolver o seu traballo artístico durante os seus anos como estudante de Belas Artes en Pontevedra. Ademais, esta é a súa primeira exposición individual no centro.

No acto de inauguración tamén participou o director do CGAC, Santiago Olmo, o propio artista e o comisario da mostra. Así mesmo, estiveron acompañados polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña; e polo senador Xosé Crespo, entre outros asistentes.

A obra de Álvaro Negro

O traballo de Álvaro Negro non é fácil de encadrar, tanto pola heteroxeneidade e complexidade formal da súa obra, como por certa actitude vital esquiva, coas súas desaparicións momentáneas do panorama artístico durante as cales se reformulou a súa obra desde o silencio e a lentitude. É a historia dun pintor que empezou desde o límite do cadro para a posteriori ir repensando o seu centro desde múltiples perspectivas: o claroscuro como forma esencial da imaxe; a cor como elemento desde o que establecer unha lóxica da sensación; ou a imaxe-tempo -o vídeo- como medio desde o que instaurar duración no feito perceptivo e, por extensión, tamén na pintura, xa sexa desde a experiencia dunha paisaxe xa desde a visión dun cadro na penumbra.

Álvaro Negro (Lalín, 1973) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo (1991-1996) e posteriormente Master of Arts no Central Saint Martins College of Art and Design de Londres (2003). Froito da súa actividade investigadora escribiu textos para publicacións periódicas ou proxectos expositivos sobre a obra de artistas como Martin Kippenberger ou Jessica Stockholder.

Ensaios, exposicións e premios

Tamén destacan os seus ensaios sobre a cuestión da temporalidade-duración no vídeo, ou sobre o monumental en relación ao rito, temática esta última que derivou no proxecto expositivo e o libro homónimo co que se estreou como comisario: Narrativas monumentales. Figuras, paisaxes e rituales. Así mesmo, comisariou a exposición de Irene Grau Blind Wall, proxecto onde a artista transformou unha antiga arquitectura nunha peza pictórica monocromática.

Álvaro Negro está actualmente representado por F2 Galería (Madrid). Tamén ten exposto individualmente en galerías como Fúcares (Madrid e Almagro), Carlos Carvalho (Lisboa), Mário Sequeira (Braga); así como en institucións como o Palexco (A Coruña), a Fundación Laxeiro (Vigo) ou as sedes do Instituto Cervantes en Roma e Nápoles. Entre outros premios e mencións recibidas, cabe destacar o Premio Julián Trincado, no marco da 13.ª Mostra Internacional Gas Natural Fenosa (2014); ou o 2º premio na Bienal de Fotografía Purificación García 2010.

Comparte