Nova: O certame de Cinema OUFF Escola entrega os premios da súa oitava edición en Ourense

24/10/2017

O certame de Cinema OUFF Escola entrega os premios da súa oitava edición en Ourense

Os gañadores son os CEIP Coirón-Dena de Meaño, Torre-Illa da Illa de Arousa e Eduardo Pondal de Vigo e mais os IES Macías o Namorado de Padrón, Poeta Díaz Castro de Guitiriz e Santiago Basanta Silva de Vilalba

O secretario xeral de Política Lingüística e a secretaria territorial da Xunta participaron no acto celebrado hoxe á mañá na cidade das Burgas

 

Ourense, 24 de outubro de 2017.- O certame de Cinema OUFF Escola entregou hoxe á mañá os premios da súa VIII edición na Cidade de Ourense, nunha gala que se celebrou no Auditorio Municipal e na que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a secretaria territorial da Xunta en Ourense, Silvia Dorado. A iniciativa, que pon en valor e recoñece a creatividade audiovisual en lingua galega dos máis novos, promóvena o Concello de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do XXI Festival de Cine Internacional de Ourense, o OUFF. A ela concorreron este ano 74 traballos elaborados por máis dun milleiro de escolares.

Recibiron cadanseu premio o CEIP Coirón-Dena de Meaño, Torre-Illa da Illa de Arousa e Eduardo Pondal de Vigo e mais os IES Macías o Namorado de Padrón, Poeta Díaz Castro de Guitiriz e Santiago Basanta Silva de Vilalba (por categorías, 1º, 2º e mellor guión de infantil e primaria e 1º, 2º e mellor guión de outros niveis).

O titular de Política Lingüística salientou “a importancia das accións de dinamización da lingua galega desde a creatividade audiovisual e para incidir na promoción do uso do galego na infancia e na xuventude”. No acto de entrega, tamén participarono alcalde ourensán, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; e o director do festival de cine OUFF, Fran Gayo.



Seis centros premiados e unha mención especial

Os seis premios incluídos nas bases do VIII Certame de Cinema OUFF Escola recaeron na categoria de infantil e primaria, o CEIP Coirón-Dena de Meaño pola peza “Quero un patio novo” (1º premio), o CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa pola peza “Conservas en lata” (2º premio) e o CEIP Eduardo Pondal de Vigo pola peza “Árbores no camiño” (mellor guión).

Por outra parte, na categoría de “outros niveis” fixéronse con el o IES Macías o Namorado de Padrón, polo traballo “Verba”; o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz polo traballo “Algo pasa en Guitiriz” e o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba pola peza “O Rumor”.

O xurado, integrado por Gregorio Ferreiro, Ángeles Huerta, Héctor Domínguez-Viguera, Manoli Maseda e Sara Casasnovas, decidiu concederlle unha mención especial ao traballo presentado polo IES de Arzúa.



Obxectivos do OUFF Escola

O OUFF Escola enmárcase nunha das liñas de traballo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística: promover o cinema como ferramenta de dinamización lingüística entre a mocidade a través do apoio e da posta en marcha de diferentes programas, entre os que podemos sinalar Nós tamén creamos! ou a sección Cans do Futuro do Festival de Cine de Cans. Deste xeito, a Xunta de Galicia segue o Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle entre os seus obxectivos o de potenciar, xa dende a escola, a creatividade no noso idioma.

A relación do galego co audiovisual nas aulas propicia que os escolares melloren a súa competencia lingüística ao expresárense nesta lingua en contextos e soportes variados, entre os que non pode faltar, pola importancia que adquiriu na sociedade da información, o audiovisual. Por outra banda, favorece que as novas xeracións asocien o galego ás tecnoloxías e formas de comunicación máis innovadoras e interesantes para a mocidade, de xeito que o perciban tal como é: coma unha lingua moderna e útil para expresarse en calquera contexto, soporte e situación.

 

Comparte