Nova: De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas despide esta fin de semana o seu paso polo FalaRedes 2017
03/11/2017
De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas despide esta fin de semana o seu paso polo FalaRedes 2017
A actividade de dinamización lingüística percorreu desde setembro 19 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta
Poderase gozar, de balde, o sábado en Ordes e o domingo en Xove
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017. - A actividade de dinamización lingüística 'Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas' despide esta fin de semana o seu paso polo programa 'FalaRedes 2017', logo de percorrer desde mediados de setembro 19 puntos da nosa xeografía en localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística. As derradeiras funcións serán o sábado, na Casa da Cultura de Ordes, ás 18:30 horas, e o domingo, no salón de actos do Centro Cívico de Xove, ás 19:00 horas. Coma sempre, a entrada será libre e de balde, nomeadamente para familias con rapazada dos 4 aos 10 anos, ata completar a capacidade destes espazos.
Os irmáns Bolechas chegarán a estes dous concellos logo dun percorrido que os levou previamente a Moraña, Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo, Pazos de Borbén, A Bola, Frades, Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas e Mos cunha nova proposta ambientada no Camiño de Santiago.
‘FalaRedes 2017’
A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.
Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.
Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.