Nova: Cultura destina 40.000 euros á rehabilitación dunha parte dos pendellos de Agolada
06/11/2017
Cultura destina 40.000 euros á rehabilitación dunha parte dos pendellos de Agolada
O Conselleiro Román Rodríguez e o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, asinaron un convenio para a rehabilitación do pendello 8 e o B1
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará cun total de 40.000 euros unha intervención de carácter cultural nos Pendellos de Agolada.
Para iso, o conselleiro Román Rodríguez e o alcalde de Agolada, Ramiro Varela, asinaron hoxe un convenio de colaboración segundo o cal o departamento autonómico financiará obras de rehabilitación en dous dos pendellos (pendello 8 e B1), que abranguen cuberta, paramentos, carpinterías, pavimentos e instalacións. O encargado de tramitar e executar as obras será o Concello.
Os Pendellos de Agolada son unha construción de orixe medieval única en Galicia, que era punto de encontro comercial no que dende diferentes puntos da xeografía se achegaban a comprar ganado e produtos típicos galegos.
Declarados Conxunto Histórico-Artístico en 1985, estas construcións son un signo de identidade da historia, patrimonio e cultura de Galicia, que hoxe en día seguen acollendo diversas actividades principalmente de carácter cultural e social.
A colaboración do departamento de Cultura da Xunta de Galicia para o seu mantemento e rehabilitación enmárcase dentro das accións da Consellería para a divulgación, información e promoción da cultura para achegar o máximo posible o noso patrimonio á sociedade en xeral.