Nova: A muralla de Lugo conmemora o seu XVII aniversario como Patrimonio da Humanidade
28/11/2017
A muralla de Lugo conmemora o seu XVII aniversario como Patrimonio da Humanidade
A Xunta celebra o XVII aniversario da declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade o vindeiro sábado cunha exposición e unha mesa redonda
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, invita a todos os lucenses a sumarse a estes actos, que se celebrarán na sede da Delegación e son de acceso libre e gratuíto
Lugo, 28 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia celebrará o XVII Aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade cun programa de actos que se desenvolverán durante a mañá do sábado, día 2 de decembro, na sede da Delegación Territorial.
Así, ás 12 horas inaugurarase na sala de exposicións a mostra fotográfica titulada Operación Muralla limpa. 1972, organizada polo Arquivo Histórico Provincial, que depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A exposición recolle imaxes da que foi a primeira gran aposta da época recente por poñer en valor a muralla, liberando os muros das casas adosadas que se foran construíndo polo exterior.
A continuación, ás 12.30 horas, dará comezo no salón de actos a mesa redonda A Muralla: Un antes e un despois, na que participarán como relatores os alcaldes que promoveron e impulsaron a declaración, Joaquín García Díez e José Clemente López Orozco, o conselleiro de Cultura na época en que se comezaron os trámites, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, e o actual conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.
Posteriormente, todas as persoas que o desexen poderán percorrer un tramo da muralla para coñecer detalles das intervencións máis recentes que se están a realizar no Monumento. O paseo comezará no cubo XL e rematará no cubo LXXX, nos que se están a realizar obras actualmente.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, invita a todos os lucenses a participar nestes actos, de acceso libre e gratuíto, que “serán un recoñecemento ao noso monumento máis universal e tamén á cidade de Lugo, que se identifica con el e que o encumbrou co seu esforzo”.