Nova: Iníciase a prospección xeofísica do castro de Cálago, en Vilanova de Arousa
12/12/2017
Iníciase a prospección xeofísica do castro de Cálago, en Vilanova de Arousa
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, inicia hoxe os traballos de prospección xeofísica no castro de Cálago, en Vilanova de Arousa.
A dita actuación, que se enmarca dentro do programa de actuacións arqueolóxicas para este ano, ten un orzamento de algo máis de 10.500 euros. Os traballos de campo, que executan o grupo de investigación Aquasol da Universidade da Coruña, durarán arredor de cinco días.
A prospección xeofísica consiste nunha exploración do subsolo do xacemento arqueolóxico a través dun conductivímetro instalado nun dispositivo móbil axustado a un receptor GPS. Isto permitirá medir simultaneamente a condutividade eléctrica e a susceptibilidade magnética dos materiais existentes baixo a superficie e, deste xeito, localizar a posición de posibles estruturas arqueolóxicas.
A intervención conta co autorización do Concello de Vilanova de Arousa, institución que ten cedidos os terreos onde se asenta o castro de Cálago por parte dos seus propietarios para levar a cabo traballos arqueolóxicos e de posta en valor deste xacemento.
Idade do ferro
O castro de Cálago —incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia— localízase no propio núcleo urbano de Vilanova, en concreto no lugar de Campanario (parroquia de San Cibrán de Cálago), nun outeiro a escasos 100 metros da liña de costa actual.
Trátase dun castro da Idade do Ferro que presenta unha forma elíptica, cuns eixes de 105x80 metros, no que se identifica claramente a súa croa e unha primeira terraza, aínda que é moi probable que contase cunha segunda, onde actualmente se atopa o cemiterio de Cálago. Con posterioridade, xa na Idade Media, estableceuse neste lugar o mosteiro de Cálago do que se conserva na actualidade a súa torre-campanario.
Ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Concello de Vilanova de Arousa e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, deseñáronse unha serie de sondaxes arqueolóxicas valorativas distribuídas polos diferentes predios nos que se sitúa o xacemento. En concreto, realizáronse 3 sondaxes na zona da croa do castro e 1 sondaxe na terraza norte que sumaron unha superficie total de intervención de 28 m2. Estas actuacións permitiron constatar escasas estruturas arqueolóxicas aínda que si abundante material de época romana e de tradición castrexa.