Nova: Recoñecemento colectivo aos galardoados e galardoadas cos Premios da Cultura Galega 2017

12/12/2017

Recoñecemento colectivo aos galardoados e galardoadas cos Premios da Cultura Galega 2017

Uxía, Mabel Rivera, Cristina Pato, Óliver Laxe, Berta Álvarez Cáccamo, a Fundación Rosalía de Castro, o proxecto Apego e Xohana Torres -premiada a título póstumo- reciben a homenaxe de Galicia polo seu labor a prol da cultura galega

Alberto Núñez Feijóo asegurou no acto de entrega dos premios que o elenco de galardoados demostra que a cultura galega non se detén

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que os Premios da Cultura Galega 2017 seguen demostrando que a nosa cultura non se detén. “Non se detén no tempo porque avanza con forza cara ao futuro. E tampouco se detén no espazo porque consolida a súa proxección exterior”, dixo, recoñecendo que os creadores son os principais responsables de que así sexa e que as administracións deben contribuír no posible a facilitarlles ese traballo.

“Calquera podería ver desde aquí que a cultura galega segue en pé, por unha razón moi sinxela, pero moi poderosa: porque hai galegas e galegos que elixen libremente, sen a menor ambigüidade, traballar por ela, conservala e enriquecela”, aseverou, ao que engadiu que é precisamente esta visión dinámica da cultura a que lle garante futuro, xa que pensar que é un ben rematado que unicamente hai que atesourar fronte ás influencias alleas sería relegar a cultura a un mero vestixio.

“A cultura é algo sempre actual, e tamén algo sempre actualizable. Detrás de cada libro, de cada obra plástica, de cada peza musical, de cada película, hai unha permanente recreación de nós e do noso”.

Nesta liña, recordou que a nosa ‘globalización cultural’, noutrora obrigada pola emigración e hoxe voluntaria, é un fenómeno ben entendido e, en consecuencia, positivo. “Permítenos entrar en contacto con outras identidades, para aprender delas pero tamén para que aprendan de nós, sen que iso poña en risco a nosa supervivencia”.

Así mesmo, asegurou que o elenco dos premiados da Cultura Galega 2017 demostra que esta xa non é un espazo reservado, que crear non é unha cuestión de elites nin está restrinxido por cuestións de xénero, procedencia ou forma de pensar. E expresou o desexo de que apoiala sexa máis doado e axeitado a través da Estratexia da cultura galega, “que queremos elaborar conxuntamente co sector. Abertos ás achegas, ás propostas, ás demandas”, porque o importante é que finalmente sexa útil a Galicia.

No tocante aos galardoados, o presidente do Executivo autonómico destacou a traxectoria de Xohana Torres e lamentou que xa non estea para recibir o seu premio, “aínda que, por sorte, no seu palmarés figuran moitos outros premios recibidos en vida e sobre todo moitos adeptos aos seus libros”. E aseverou que se alguén pode axudar a moldear a imaxinación é Berta Álvarez Cáccamo, unha mirada sempre vinculada á abstracción, pero na que subxace algo moi realista: a súa capacidade, que queda patente cando un mira os seus cadros.

De Mabel Rivera aseverou que demostra con creces por que a cultura tamén é un ‘xogo de damas’; de Uxía destacou “ese espírito tan afondado nas raíces galegas como cosmopolita”; e de Oliver Laxe salientou que, aínda que xa colleita un importante recoñecemento internacional, “é unha sorte que teña a certeza de que o mellor lugar para rodar a súa nova película é Galicia”.

Ao longo da súa intervención referiuse tamén ao traballo dos impulsores do Proxecto Apego, que ensinan aos máis pequenos a descubrir o mundo en galego; e ao labor da Fundación Rosalía de Castro. E de todas as capacidades de Cristina Pato, ademais das que fixeron merecedora dun Grammy ou de que o New York Times a definise como "un dos mestres vivos da gaita", resaltou o seu papel educativo, agradecendo que mulleres do seu nivel compartan o que saben coas novas xeracións.

Comparte