Nova: O Teatro Principal de Ourense presenta a súa carteleira para os próximos seis meses

19/12/2017
O Teatro Principal de Ourense presenta a súa carteleira para os próximos seis meses
A Xunta colabora na nova carteleira con cinco espectáculos
Dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios que promove a Agadic, o escenario ourensán ofrecerá Nacidas libres de Contraproducións, O servidor de dous amos de Talía Teatro, Blackbird de Pavón Teatro Kamikaze e Emilia de Teatro del Barrio
En maio recibirá o Centro Dramático Galego coa súa versión da obra de Valle-Inclán Divinas palabras
Ourense, 19 de decembro de 2017.- O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a súa nova carteleira semestral, que de xaneiro a xuño de 2018 ofrecerá 23 propostas de teatro, danza e música, ademais de acoller a programación da XXIII Mostra Internacional de Teatro Universitario. Cinco destes espectáculos presentaranse na capital ourensá en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Educación, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e mais do Centro Dramático Galego.
Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, durante a súa intervención hoxe na rolda de prensa organizada para anunciar esta programación e na que tamén participaron Olga Mojón, directora do espazo ourensán, e Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial.
Como sinalou Jacobo Sutil, o Teatro Principal é un destacado escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o principal circuíto galego de distribución profesional de espectáculos producidos en Galicia, que a Xunta promove e cofinancia cos 44 espazos asociados en 39 concellos para ofrecer entre os meses de xaneiro e xuño 346 citas culturais, un 7,8% máis que durante o mesmo período de 2017.
Apoio na produción e na distribución
No marco desta rede, o público ourensán terá a oportunidade de ver as últimas propostas de dúas compañías galegas: Contraproducións con Nacidas libres, unha historia coas mulleres como absolutas protagonistas que chegará á cidade o 17 de febreiro, e Talía Teatro coa súa revisión da comedia de Goldoni O servidor de dous amos, programada para o 17 de marzo. Ambos son espectáculos subvencionados pola Xunta mediante a última convocatoria de axudas á produción escénica da Agadic.
Tamén se insiren neste circuíto as funcións ourensás de Blackbird (4 de marzo), espectáculo da compañía madrileña Pavón Teatro Kamikaze, galardoada este ano co Premio Nacional de Teatro, e de Emilia (7 de abril), montaxe de Teatro del Barrio que xira arredor da figura da gran Emilia Pardo Bazán.
Segundo detallou Jacobo Sutil, a achega da Xunta á carteleira do Principal esténdese tamén ao Centro Dramático Galego, que recalará en Ourense os días 11 e 12 de maio coa súa próxima produción, Divinas palabras. A compañía pública presentará a semana que vén en Santiago a súa versión galega da obra de Valle-Inclán, para a que nestes momentos se mantén aberto o proceso de selección do elenco.
O director da Agadic referiuse tamén ao resto da programación deseñada polo escenario da Deputación ourensá, na que conviven propostas teatrais, coreográficas e musicais a cargo de grandes nomes da dirección e a interpretación. Así, durante o primeiro semestre do ano visitarán Ourense Alberto Sanjuán e Marta Calvó con Masacre; Pepón Nieto, Paco Tous e María Barranco, á cabeza do elenco de La comedia de las mentiras; Fernando Cayo e Juan Carlos Rubio con Maquiavelo, o espectáculo La ternura, escrito e dirixido por Alfredo Sanzol, e a cantante Rosanna, entre outros.