Nova: Patrimonio incoa o procedemento para declarar BIC o campamento de Aquis Querquennis, en Bande

23/12/2017

Patrimonio incoa o procedemento para declarar BIC o campamento de Aquis Querquennis, en Bande

O xacemento, que se incluiría na categoría de zona arqueolóxica, presenta un gran valor histórico e arqueolóxico e trátase, dentro dos existentes en toda a Península Ibérica, dun dos máis extensamente escavado, investigado e posto en valor

É un dos únicos campamentos militares romanos permanentes coñecidos en Galicia, xunto co de Cidadela en Sobrado dos Monxes

 

  • O xacemento, que se incluiría na categoría de zona arqueolóxica, presenta un gran valor histórico e arqueolóxico O xacemento, que se incluiría na categoría de zona arqueolóxica, presenta un gran valor histórico e arqueolóxico
  • O xacemento, que se incluiría na categoría de zona arqueolóxica, presenta un gran valor histórico e arqueolóxico O xacemento, que se incluiría na categoría de zona arqueolóxica, presenta un gran valor histórico e arqueolóxico

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén de incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC), coa categoría de zona arqueolóxica, o Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, situado no lugar de Porto Quintela, na parroquia de San Xoán de Baños, no termo municipal de Bande (Ourense).

Trátase dun conxunto arqueolóxico formado polo campamento e mansio vinculados co paso da Vía XVIII de Antonino ou Vía Nova, que presenta un gran valor científico e patrimonial derivado da información obtida polas continuas campañas de escavación desenvolvidas ao longo de varias décadas. De feito, e dentro dos existentes en toda a Península Ibérica, é o máis extensamente escavado, investigado, monumentalizado e posto en valor entre os do seu xénero. Ademais, é un dos únicos campamentos militares romanos permanentes coñecidos en Galicia, xunto co de Cidadela en Sobrado dos Monxes.

Descrición do xacemento

Este xacemento presenta unha estrutura arquetípica propia dun asentamento militar organizado a partir dun esquema ortogonal arredor de dous eixes viarios principais, perpendiculares entre si, o cardo (con orientación norte-sur) e o decumano (orientación leste-oeste).

Os restos arqueolóxicos exhumados ata o de agora corresponden ao principia ou cuartel xeral, dous horrea para almacenaxe de alimentos, o valetudinarium ou hospital, tres barracóns para a tropa, vías e canles de drenaxe e unha parte significativa das estruturas delimitadoras e defensivas, treito de muralla con varias torres, as portas principal esquerda e a do lado oeste, e un pequeno sector do foxo exterior que rodeaba a muralla, co intervallum ou vía perimetral pegada ao interior dela.

Ao leste do campamento, cara ao curso do río Limia, localizáronse algunhas estruturas que semellan responder á posible canaba ou poboación civil asociada ao campamento militar. Tamén se coñecen restos arqueolóxicos extramuros do recinto campamental, entre este e a mansio.

Esta mansio viaria sería unha pousada de descanso para os viaxeiros que percorrían a mencionada vía, que ao ser escavada de forma parcial descubriu, polo de agora, unha estrutura composta por un grande patio empedrado e un forno doméstico, ademais de varias dependencias e outro patio cun pozo con peitoril e augas termais. Todo este conxunto complétase con varias vías interiores e sistemas de drenaxes, ademais de estruturas defensivas como muralla, torres, portas, intervallum ou vías perimetrais e fosos.

En resumo, este xacemento arqueolóxico, debido ao conxunto que representa e ao seu grao de coñecemento, resulta un exemplo paradigmático dos xacementos romanos de Galicia. Así mesmo, é o que mellores condicións ten para a difusión das súas características e valores culturais polo seu coñecemento e posta en valor.

Os detalles da resolución de incoación poden consultarse no seguinte enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171221/AnuncioG0164-181217-1_gl.html.

 

Comparte