Nova: Saxo Tenor, de Vidal Bolaño, estrearase no Teatro Nacional Dona María II de Lisboa

15/09/2014

Saxo Tenor, de Vidal Bolaño, estrearase no Teatro Nacional Dona María II de Lisboa

O ‘Proxecto Nós’, de cooperación no eido das artes escénicas, promove o intercambio de actividades entre os máis importantes teatros públicos ás dúas beiras do Miño

  • Imaxe de Roberto Vidal Bolaño Imaxe de Roberto Vidal Bolaño

Lisboa (Portugal), 15 de setembro de 2014.- 'Saxo Tenor' de Roberto Vidal Bolaño será a contribución galega á programación do principal teatro público luso, o Dona Maria II de Lisboa. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo a presentación nun acto no que tamén participaron o secretario de Estado da Cultura de Portugal, Jorge Barreto Xavier; o presidente do consello de administración do TNDM II, Carlos Vargas, e o seu director artístico, João Mota; así como os directores dos espectáculos da temporada 2014-2015, e o director do CDG, Manuel Guede. Tamén acudiu á presentación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Durante a súa intervención, Vázquez Abad, explicou que esta iniciativa amplifica a liña de traballo que supón o `Proxecto Nós Territorio (Es)cénico Portugal Galicia`, unha iniciativa que nace co obxectivo de establecer unha cooperación regular e periódica entre as artes escénicas galegas e portuguesas e que “reforza” os lazos de unión entre ambos territorios en materia teatral.

Este espírito de colaboración reflíctese no acordo formal de intercambio entre o Teatro Nacional Dona Maria II e o Centro Dramático Galego para a estrea do espectáculo Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño, a próxima tempada en Lisboa. Como contrapartida, o Centro Dramático Galego levará a escena a produción Xardín Suspenso, do autor portugués Abel Neves.

Mesas redondas, recitais e proxeccións
Paralelamente a estas estreas, a Xunta e o Teatro Maria Dona II de Lisboa desenvolverán en maio de 2015 o programa “Portugal-Galicia: escenarios para un encontro”, que abrangue mesas redondas, recitais poéticos e proxeccións, entre outros. Trátase, segundo explicou o conselleiro, dun conxunto de actividades “para difundir a presenza da cultura galega actual nas súas diferentes vertentes, e particularmente nas artes escénicas, e para o cal contaremos coa colaboración de diferentes entidades e persoas destacadas da nosa cultura”.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación subliñou que esta iniciativa “non é unha acción illada” senón que da continuidade á acción do Goberno galego “dada a natural continuidade cultural e histórica entre os dous territorios, da nosa proximidade lingüística e da afinidade e mesmo complicidade emocional e cultural que mantemos Galicia e Portugal”.

Estrutura de ‘Nós’
No ‘Proxecto Nós Territorio (Es)cénico Portugal-Galicia’ participan, por parte portuguesa, o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa, o Teatro Nacional São João de Porto, a Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Instituto Politécnico do Porto e a Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) do Instituto Politécnico de Lisboa; e pola parte galega, a Consellería de Cultura e Educación a través do Centro Dramático Galego (CDG) e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

En concreto, durante os dous vindeiros anos levarase adiante un intercambio de actividades entre os máis importantes teatros públicos e centros de formación en artes escénicas ás dúas beiras do Miño. “Propiciaremos así a circulación de espectáculos escénicos, fundamentalmente entre Lisboa, Porto e Santiago”, explicou o conselleiro de Cultura e Educación, que tamén destacou a “vertente formativa” do proxecto coa finalidade de “atender a oferta cultura nunha relación constante cos centros de ensino que é onde se están a preparar os futuros profesionais e os futuros públicos para a cultura”.

Trátase, segundo dixo Vázquez Abad, de que “desde a Administración e desde a sociedade abramos cada vez máis camiños nos que transitar xuntos, sen cancelas, como unha maneira de enriquecer as culturas irmás das dúas beiras do Miño”.

Comparte