Nova: Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, "a candidatura de todos os galegos”, chega a Fitur

17/01/2018

Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, "a candidatura de todos os galegos”, chega a Fitur

O conselleiro Román Rodríguez subliñou que a proposta a Patrimonio Mundial da Unesco é froito do consenso e da suma de vontades

O acto contou coa presenza dos alcaldes de Ribeira e Vilagarcía de Arousa, dos reitores da tres universidades galegas, do presidente do Real Club Celta de Vigo e do artista Antón Reixa, entre outros

 

Madrid, 17 de xaneiro de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá en Fitur a candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco como unha proposta de consenso e de suma de vontades. En palabras do titular de Cultura da Xunta de Galicia esta é “a candidatura de Galicia, de todos os galegos e galegas”.

O acto desenvolveuse no stand de Galicia nesta Feira. Ademais dunha ampla representación do Goberno galego encabezada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; contou co aval dos alcaldes de Ribeira e de Vilagarcía de Arousa; dos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo; do presidente do Real Club Celta de Vigo; e do polifacético artista Antón Reixa; entre outros asistentes.

Román Rodríguez fixo fincapé no “traballo conxunto ao máximo nivel” que se desenvolveu nos últimos meses para que este espazo natural de carácter singular sexa incluído na Lista Indicativa da UNESCO, o que representará un pulo importante para toda Galicia. Froito deste traballo, a día de hoxe a candidatura xa está na Lista indicativa nacional, o paso previo e preceptivo para elevala á UNESCO, e nela permanecerá ata o mes de marzo.

Competición a escala mundial

O conselleiro subliñou que se trata dunha “competición a escala mundial, que non local”, o que fai imprescindible artellar unha proposta “ganadora, construída sobre os valores da integración e a suma, e na que ninguén sobra”. Acto seguido engadiu que “esta candidatura non só se chama Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira. Chámase así, con todos estes apelidos, pero sobre todo chámase Galicia".

Coa inclusión de Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas na Lista Indicativa, España acadaría o cuarto parque nacional con este recoñecemento despois do Garajonay e o Teide (ambos en Canarias) e Doñana (en Andalucía). Así mesmo, Galicia situaríase como a cuarta comunidade con máis bens Patrimonio da Humanidade.

Valores excepcionais

O espazo Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas suma unha extensión de máis de 8400 hectáreas integradas por catro arquipélagos cun valor natural, cultural e universal excepcional, que son visitados por 400.000 persoas ao ano.

Entre os moitos criterios de selección requiridos polo Comité de Patrimonio Mundial, o parque das Illas Atlánticas destaca sobre todo polas súas compoñentes naturais e paisaxísticas tanto na área costeira como na mariña, pola riqueza e diversidade dos ecosistemas mariños e submariños, e polas comunidades florísticas e faunísticas subactuáticas. A isto hai que engadir a historia xeolóxica dos arquipélagos que o conforman, a xeomorfoloxía formada pola acción do vento, as ondas e o sal sobre as rochas; e a produtividade das súas augas que redunda nunha elevada diversidade de mamíferos, aves, tartarugas, peces e multitude de invertebrados, entre outros.

Comparte