Nova: Presentado en Madrid o proxecto da Memoria Dixital de Galicia
30/01/2018
Presentado en Madrid o proxecto da Memoria Dixital de Galicia
Cultura presenta en Madrid o proxecto da Memoria Dixital de Galicia
Anxo Lorenzo explicou esta tarde na Comisión Sectorial de Asuntos Culturais as principais iniciativas deste proxecto, entre as que destaca Galiciana coa biblioteca e o arquivo dixitais de Galicia
Madrid, 30 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na reunión da Comisión Sectorial de Asuntos Culturais, na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou o proxecto da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa que trata de aplicar a innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida do patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, consolidando o seu fondo dixitalizado e permitíndolle participar na confluencia de recursos dixitais no ámbito internacional.
Lorenzo destacou na súa intervención que Galicia aposta “polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para conseguir o meirande nivel de catalogación, preservación e difusión, con independencia da súa localización ou propiedade.” O secretario xeral de Cultura avanzou as liñas nas que xa se está traballando, como Galiciana, Biblioteca e Arquivo Dixital de Galicia ou actuacións vinculadas coa recolección e xeorreferenciación da toponimia galega. Así mesmo, anunciou a convocatoria, nos vindeiros meses, de axudas para a dixitalización de fondos das institucións implicadas nesta Memoria Dixital de Galicia.
Ano Europeo do Patrimonio
Na reunión, o director xeral das Industrias Culturais e do Libro do Ministerio de Educación e Cultura, Óscar Sáez, explicou as principais iniciativas que está a impulsar o Goberno do Estado para conmemorar a celebración do Ano Europeo do Patrimonio. A este respecto, Anxo Lorenzo tivo ocasión de avanzar a participación de Galicia neste proxecto, para o que a Consellería de Cultura e Educación está a planificar unha programación de máis de 300 actividades ao longo de 2018. Baixo o lema “Somos patrimonio”, as iniciativas impulsadas polo Goberno galego estarán dedicadas cada un dos meses deste ano a un aspecto concreto do patrimonio, como o documental e bibliográfico, a Ribeira Sacra, a candidatura a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, o patrimonio arqueolóxico ou os Camiños de Santiago, entre outros.
A orde do día da Comisión Sectorial tamén incluíu o trámite de audiencia da nova edición do Premio María Moliner, que na súa convocatoria de 2017 recoñeceu o labor desenvolvido a prol do fomento da lectura. Onte mesmo, a Biblioteca Pública Municipal de Verín recibía o galardón polo seu proxecto de voluntariado cultural con rapaces e rapazas, nos que son eles mesmos os encargados de difundir o hábito lector nun acto celebrado en Madrid e presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo.
A revenda de entradas, a dixitalización de arquivos sonoros ou o depósito legal das publicacións en liña foron outros dos temas que centraron a reunión da Comisión Sectorial de Asuntos Culturais, un órgano de cooperación interterritorial que ten como finalidade a actuación coordinada en materia de cultura, o intercambio de información e a articulación da participación das CC.AA. en Europa, así como a coordinación dos poderes públicos na promoción, defensa e difusión da cultura.