Nova: Asinado o primeiro convenio de habilitación para as intervencións no núcleo etnográfico de Seixalbo

27/03/2018

Asinado o primeiro convenio de habilitación para as intervencións no núcleo etnográfico de Seixalbo

O conselleiro de Cultura Román Rodríguez e mailo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, rubricaron o acordo que permite axilizar os trámites e os prazos das actuacións patrimoniais neste ámbito

Ourense, 27 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de habilitar ao Concello de Ourense para autorizar as intervencións patrimoniais no ámbito do Núcleo de Interese Etnográfico de Seixalbo, tal como queda establecido no convenio asinado hoxe entre o conselleiro Román Rodríguez, e o alcalde Jesús Vázquez Abad. Este é o primeiro convenio de habilitación que se asina cun concello dende que a nova lei de patrimonio cultural incorporase esta técnica descentralizadora.

O conselleiro de Cultura explicou que, máis aló da tramitación puramente administrativa, esta habilitación ten unha destacable repercusión práctica na medida en que permite ao Concello axilizar os trámites administrativos e acurtar os prazos das intervencións no citado núcleo, pero garantido totalmente a seguridade xurídica nos procesos. En definitiva, trátase de avanzar na colaboración cos concellos facendo a través dunha xestión máis fácil e eficiente que repercute de xeito positivo no día a día das persoas, abondou o conselleiro.

Ao abeiro de dito convenio, o Concello de Ourense estará habilitado para as intervencións que se refiran a bens catalogados integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico do Núcleo Etnográfico de Seixalbo e á súas contornas de protección e zonas de amortecemento.

Isto é posible porque, tal como establece a lei, o Concello de Ourense cumpre cos requisitos esixidos como é que o núcleo de Seixalbo conte cun Plan Especial específico adaptado á lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cun equipo de persoal técnico competente para o exercicio da arquitectura, a arqueoloxía e a historia da arte.

Este acordo enmárcase dentro da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia e dos acordos coa FEGAMP relativos aos trámites de autorizacións nos bens inmobles catalogados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento de aplicación para a totalidade dos concellos de Galicia. O obxectivo é simplificar trámites e facilitar aos cidadáns os permisos de intervención nesta área.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura está a desenvolver a mencionada Lei do Patrimonio co obxectivo de combinar a máxima protección do patrimonio sobranceiro de Galicia coa axilidade e a simplificación dos trámites interadministrativos.

Comparte