Nova: O proxecto ‘Gaude, Maria Virgo’ difunde o patrimonio musical

27/09/2014

O proxecto ‘Gaude, Maria Virgo’ difunde o patrimonio musical

Dedicado á música mariana e interpretado por Vox Stellae, o disco inclúe dúas obras do arquivo da Catedral de Santiago e unha nova versión do himno á Virxe da Franqueira do compositor galego Rogelio Groba

O traballo preséntase en concerto o domingo 28 de setembro na Cañiza e o vindeiro 18 de outubro en Vigo

  • ‘Gaude, Maria Virgo’ ‘Gaude, Maria Virgo’

Santiago, 27 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa a difusión e posta en valor do patrimonio musical a través do proxecto ‘Gaude, Maria Virgo’, un traballo discográfico dedicado á música mariana e interpretado por Vox Stellae, grupo de ampla tradición na difusión do patrimonio musical galego e de recoñecida solvencia interpretativa e musicolóxica.

O santuario da Franqueira será o escenario do primeiro concerto de presentación do disco, o domingo 28 de setembro ás 18:30 horas. No mes de outubro, o día 18, tamén se presentará na igrexa do Carme de Vigo, ás 20:30 horas.

A escolma musical deste traballo, que abrangue desde o canto gregoriano do século IX ata o barroco tardío americano de principios do XVIII, inclúe dúas obras do arquivo da Catedral de Santiago de Compostela (‘Alma redemptoris mater’ e ‘Regina caeli’), xunto cunha nova versión do himno á Virxe de Santa María da Franqueira composto por Rogelio Groba en 1960 e con letra de José Díaz Jácome. O disco tamén conta coa participación de novos solistas galegos como o tenor Diego Neira.

Os beneficios da venda do disco, gravado o pasado mes de xuño co equipo técnico do Servizo de Produción da Radio Galega, irán destinados a Cáritas interparroquial e a obras sociais da Franqueira, centro de difusión cultural e artístico con outras iniciativas como o Ciclo de Música Antiga.

Comparte