Nova: Profesionais do audiovisual participan nunhas xornadas de marketing online

02/10/2014

Profesionais do audiovisual participan nunhas xornadas de marketing online

Teñen como obxectivo de incidir na relevancia de internet como ferramenta fundamental á hora de difundir e distribuír os produtos audiovisuais

O programa estrutúrase en seis relatorios a cargo de directivos de plataformas como YouTube e Yomvi Canal Plus, así como de consultoras de comunicación en liña e de firmas especializadas no deseño de aplicacións
 

  • Xornadas de marketing online Xornadas de marketing online
  • Inauguración na Cidade da Cultura das ‘Xornadas de marketing online para a promoción do audiovisual’ Inauguración na Cidade da Cultura das ‘Xornadas de marketing online para a promoción do audiovisual’
  • Inauguración na Cidade da Cultura das ‘Xornadas de marketing online para a promoción do audiovisual’ Inauguración na Cidade da Cultura das ‘Xornadas de marketing online para a promoción do audiovisual’

Santiago, 2 de outubro de 2014.- Medio centenar de profesionais do sector audiovisual galego asisten hoxe na Cidade da Cultura de Galicia ás ‘Xornadas de marketing online para a promoción do audiovisual’, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza como parte do seu programa Galicia ProFilme de formación continua, dirixido a todas as persoas que están a desenvolver a súa actividade profesional neste ámbito.

En nome da Consellería, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, foi o encargado de abrir este encontro, a través do que –asegurou– “se busca concienciar ao sector de que internet é unha ferramenta imprescindible para a promoción e distribución dos produtos e servizos audiovisuais”.

O responsable da Agadic explicou que estas xornadas seguen a senda das celebradas o pasado mes de xaneiro en Madrid, na sede da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España, e que agora –da man da Consellería de Cultura e Educación, en colaboración con ArteGB– se dirixen especificamente aos profesionais galegos co claro obxectivo de “informar a produtoras de cine e televisión, responsables de distribuidoras, exhibidoras, plataformas de contidos, medios e outras empresas do sector sobre cales son as vantaxes reais da comunicación ‘online’ aplicada ao audiovisual”.

Plan de comunicación integral
Neste sentido, Jacobo Sutil destacou que a través dos seis relatorios nos que se estrutura o programa, os asistentes comprobarán a eficacia da incorporación dun bo plan de comunicación e distribución dixital desde a xénese dos proxectos, a importancia de sumar creatividade e talento á hora de desenvolver unha proposta de comunicación integral, así como a utilidade das diferentes plataformas de vídeo en liña e das novas vías de distribución dixital.

Cóntase para tal fin coa participación de directivos de plataformas audiovisuais como YouTube e de servizos de vídeo baixo demanda como Yomvi Canal Plus, así como de consultoras de comunicación en liña e de firmas de deseño de aplicacións, entre outras empresas especializadas.

Así, os relatorios deron comezo cunha sesión dedicada ás estratexias creativas de promoción e de distribución a baixo custo para cinema e televisión, a cargo de Gloria Bretones, directora de desenvolvemento de proxectos da consultora ArteGB e de Centuria Films.

A continuación, tivo lugar a intervención de Melanie McWey, ‘partner manager’ de YouTube en Google, quen se centrou no valor e impacto desta plataforma nos usuarios; e, como peche desta xornada de mañá, o director tecnolóxico da firma AppsEditions, Jorge Vallejo de Castro, ofreceu un relatorio titulado ‘A rebelión do espectador e a descarga dixital’.

Contidos legais en internet
Xa pola tarde, continuarase afondando en diferentes casos prácticos, como as principais vías de distribución de contidos legais en internet, das que falará Pablo Romero, director de contidos de Yomvi Canal Plus do Grupo Prisa; e a integración do patrocinio no proxecto ‘Cinergia’ posto en marcha por Gas Natural Fenosa, que explicará Noelia Sánchez Lombilla, responsable de Estratexia e Comunicación Online desta compañía. Como peche, a directora comercial da consultora iTelligent, Belén Albarracín, exporá diferentes ferramentas para chegar a un público máis amplo, de xeito máis rápido e con menos esforzo, a través de internet.

Con estas ‘Xornadas de marketing online para a promoción do audiovisual’, dáse continuidade ao programa Galicia ProFilme, que a Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha hai un ano a través da Agadic co propósito de ampliar a formación dos integrantes da industria audiovisual galega en diferentes áreas de interese para o seu traballo cotiá, respondendo ao tempo ás demandas específicas que neste sentido se están a recibir por parte do propio sector.

Comparte