Nova: A xira de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega a Pontevedra

16/10/2014

A xira de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ chega a Pontevedra

Esta produción de teatro e música para toda a familia, dirixida por José Caldas a partir da obra de Carlos Casares, será escenificada ás 18.00 horas para o público xeral tras as dúas funcións escolares que terán lugar mañá venres

A gran demanda para os pases concertados con centros educativos, aos que asistirán máis de 900 alumnos de toda a comarca, levou ao CDG e á Afundación a programar a representación extra deste sábado a un prezo especial

Unha nova xeración de intérpretes galegos –Alba Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, AilénKendelman, FranLareu e Laura Villaverde– dá vida aos personaxes disparatados desta historia chea de colorido e fantasía

  • As laranxas máis laranxas de todas as laranxas As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Pontevedra, 16 de outubro de 2014.- A cidade de Pontevedra é a nova parada da xira que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver co espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', de Carlos Casares, que se representa este sábado 18 de outubro ás 18.00 horas no Auditorio do Centro Social Afundación de Pontevedra. Este escenario forma parte, ademais, da campaña escolar desta produción da compañía pública, que congregará a máis de 900 alumnos de 16 centos educativos de toda a comarca nos dous pases especiais que ofrecerá mañá venres ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Esta proposta de teatro e música, a través da que se busca que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura, suscitou un grande interese pedagóxico por parte dos colexios da provincia, de xeito que se esgotaron rapidamente as prazas dispoñibles para ambas as dúas funcións escolares. En resposta a esta gran demanda e co obxectivo de que o meirande número de rapaces e rapazas teña a oportunidade de ver este espectáculo, o Centro Dramático Galego e Afundación ofrecen un prezo especial reducido de 3 euros nas entradas para a representación xeral do sábado pola tarde.

Nova ollada
‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ ofrécelles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra que a compañía pública galega xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG volve homenaxear o autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para o que conta de novo co luso-brasileiro José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical e na composición.

A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba BlancoTaín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, FranLareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

A galiña azul
Ao tempo, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas integra harmoniosamente o conto A galiña azul, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van, o seu autor afirmaba que a peza era “un disparate continuo de movemento e fantasía”.

En xira
Estreada en Ourense e xa representada en Vilagarcía e Naron, 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas' chega a Pontevedra como parte da xira que o Centro Dramático Galego desenvolverá ata decembro nun total de once escenarios. Así, poderá verse proximamente en Vigo (Teatro do Centro Cultural Afundación, 2 e 3 de novembro), Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 12 e 13 de novembro), Tui (Teatro Municipal, 18 e 19 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 21 de novembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 3 de decembro), A Estrada (Teatro Principal, 5 de decembro) e Santiago de Compostela (Salón Teatro, do 9 ao 30 de decembro).

Comparte