Nova: Licitados os traballos de posta en valor do castro de Montealegre por máis de 320.000 euros
24/06/2019
Licitados os traballos de posta en valor do castro de Montealegre por máis de 320.000 euros
As actuacións inclúen a limpeza, unha nova escavación arqueolóxica así como a consolidación, restauración e sinalización do xacemento de Moaña
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- A Xunta publicou hoxe a licitación dos traballos de posta en valor do castro de Montealegre, situado no concello pontevedrés de Moaña, por máis de 320.000 euros. As actuacións inclúen labores de limpeza, re-escavación arqueolóxica, consolidación e restauración das estruturas, documentación e limpeza dos petróglifos existentes, así como o acondicionamento, a sinalización e a adecuación do acceso ao xacemento co obxectivo de favorecer un maior coñecemento e aproveitamento sociocultural do conxunto arqueolóxico.
O castro de Montealegre é un ben protexido polo seu valor cultural, incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, e situado no lugar da Cidá/Verdeal. Nel leváronse a cabo uns primeiros traballos arqueolóxicos no bienio 1925-26, dirixidos por Antón Losada Diéguez, aínda que os traballos de maior extensión e calado se desenvolveron no marco das obras de construción do Corredor do Morrazo. Así, as actuacións de sondaxes avaliativas e a escavación arqueolóxica nesta área se executaron no 2004, coincidindo coa primeira fase de construción do corredor, e no 2016-17, na segunda fase de construción.
Estas actuacións permitiron conservar in situ a totalidade dos restos documentados. Con todo, só se levaron a cabo traballos puntuais de conservación provisional dos restos documentados, polo que algunhas estruturas presentan problemas de estabilidade. Así mesmo, é preciso levar a cabo unha nova escavación arqueolóxica das estruturas documentadas nos anos 1925 e 1926 e do seu contorno inmediato.
Deste xeito, os traballos obxecto da licitación incluirán, entre outras actuacións, a realización dun estudo previo da zona no que se revisará a documentación bibliográfica e documental das campañas de escavación levadas a cabo co fin de planificar os novos traballos. Tamén se redactará o proxecto de posta en valor que incluirá a adecuación e sinalización dos accesos ao castro, así como os labores de limpeza a retirada de vexetación.
Escavación arqueolóxica
No referente á re-escavación arqueolóxica, esta centrarase nas estruturas documentadas nas intervencións arqueolóxicas realizadas por Losada Diéguez nos anos 20 co obxecto de avaliar o estado das estruturas e recuperar datos ao respecto do xacemento.
En paralelo, acometeranse traballos de acondicionamento das áreas de actuación para preservar e garantir a máxima protección das estruturas, ademais de proporcionar melloras na visibilidade, accesibilidade e comprensión do xacemento. Tamén se levarán a cabo estudos sobre os petróglifos existentes e se realizarán labores de adecuación e sinalización de accesos, entre os que destaca a colocación de dous portais de entrada para peóns ou o acondicionamento do camiño de acceso ao castro, coa plantación de árbores de especies autóctonas no lado sur.