Nova: A Xunta redacta unha instrución para a aplicación práctica da Lei de Rehabilitación de Galicia

26/07/2019

A Xunta redacta unha instrución para a aplicación práctica da Lei de Rehabilitación de Galicia

O obxectivo deste documento é a mellora na aplicación da nova norma que impulsa a recuperación de inmobles en Galicia

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Cultura e Turismo, redactou unha instrución da Lei de Rehabilitación de Galicia para mellorar a aplicación práctica da primeira norma nesta materia concreta coa que conta a Comunidade galega, co fin de potenciar e facilitar a recuperación do patrimonio inmobiliario de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaron esta mañá o contido da Interpretación para a aplicación das seccións 1ª e 2ª do capítulo V do título I da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

En base a este documento, trátase de facilitar a execución práctica das normas de aplicación directa e as determinacións relativas ás licencias directas, é dicir, aquelas que outorga o concello sen necesidade de contar coa autorización previa do departamento competente en materia de patrimonio cultural.

Neste sentido, salientouse a necesidade da divulgación e publicación desta instrución para que a cidadanía poida coñecer os criterios que se seguirán nesta materia, en prol dunha mellor xestión administrativa e seguridade xurídica.

O propósito desta regulación é compaxinar a protección do patrimonio cultural e impulsar e axilizar as actuacións en materia de rehabilitación e rexeneración urbana a todas aquelas entidades ou particulares que desexen levar a cabo unha actuación. Trátase de coordinar as actuacións das diferentes administracións e clarificar a interpretación sobre determinadas cuestións, coa finalidade de outorgar maior seguridade xurídica ao proceso de rehabilitación.

Tanto as normas de aplicación directa como as licencias directas, fixan criterios en función do nivel de protección dun edificio, diferenciando entre protección ambiental ou estrutural, ou de se carecen de protección específica, coa finalidade de que os técnicos que informan das licencias empreguen criterios homoxéneos e unhas normas claras á hora de emitir a correspondente licenza. Esta instrución non será aplicable a edificios declarados Ben de Interese Cultural (BIC) e catalogados con nivel de protección integral, tal e como xa establece a Lei.

Ángeles Vázquez salientou que, co fin de evitar a sobrecarga de traballo dos técnicos no ámbito patrimonial, poderán ser obxecto de licenza directa edificios que individualmente non están protexidos aínda que si incluídos en ámbitos de bens con protección cultural ou contornas de protección e zona de amortiguamento de BIC e Catalogados.

Deste xeito, cando as actuacións que non afecten ao envolvente exterior dun edificio ou que consistan en intervencións sobre as carpintarías exteriores, acabados de fachada ou cambios de cuberta -sempre que estas actuacións non afecten aos valores culturais nin aos elementos especificamente protexidos- concederase unha licenza directa.

Tamén se poderá dar licenza directa municipal e, polo tanto, non será necesaria a autorización previa de patrimonio, cando as intervencións se limitan ao interior do edificio e non supoñen ningunha manifestación de cara ao exterior que poida ser percibida dende os espazos públicos ou de uso público; as actuacións sobre as carpinterías exteriores que consistan na pintura, reparación ou reposición da existente sempre que se respecte a solución formal e construtiva e os acabamentos existentes; a reparación ou substitución de cubertas sempre que se repoña ou utilice como material de cubrición o mesmo material tradicional existente, se este é coherente coa tradición da área xeográfica en que se atopa o inmoble.

Asemade concederase unha licenza directa cando se pretenda levar a cabo unha actuación de pintura das fachadas e das carpintarías exteriores na mesma cor existente, sempre que esta sexa coherente coa tradición da área xeográfica en que se atope o inmoble ou se axuste aos criterios de cor que se poidan definir ou orientar dende a Xunta de Galicia.

Por último, será obxecto dunha licencia municipal a reparación ou substitución de revestimentos, sempre que se manteña a solución formal e construtiva existente, así como as súas cores e acabamentos. Non se aplicará este criterio ao mantemento de materiais construtivos deseñados para empregarse revestidos e que permanezan vistos ou sen rematar como as fábricas de bloque de formigón.

Normas de aplicación directa

Por outra banda, a instrución tamén regula aqueles casos nos que se aplican as normas de aplicación directa, co fin de aclarar as actuacións permitidas en función do nivel de protección da edificación de xeito que -sen desatender a debida protección do inmoble nin do ámbito onde se localiza- se poidan realizar intervencións que permitan dispoñer dunha edificación que responda aos niveis de prestacións e confort actualmente requiridos posibilitando a súa recuperación e ocupación o que constitúe, sen dúbida, a mellor forma de conservación.

Nese sentido, nos edificios con protección ambiental ou estrutural, sempre e cando respecten os elementos, materiais e características singularmente protexidos, así como o mantemento da referencia á estrutura parcelaria orixinal , permitirase a utilización conxunta dos portais e dos núcleos de comunicación vertical a un máximo de tres edificios, a agregar parcelas cando un dos edificios teña unha superficie ou configuración que fagan inviable resolver axeitadamente as condicións de accesibilidade, habitabilidade e código técnico, unir locais de negocio en plantas baixas de varias edificacións ou facilitar a redacción de proxectos que afecten a varios edificios que podan dispor de espazos comúns do conxunto da promoción.

Tamén se permitirá calquera actuación no interior, sempre que se respecte a imaxe exterior, posición dos forxados, estrutura do parcelario orixinal; así como as demolicións e reformas de fachada e elementos visibles cando sexa unha reconstrución fiel ou se respecte o carácter do inmoble e da contorna protexida e non afecte a fachadas ou elementos singulares.

Comparte