Nova: O CGAC concentra esta semana un curso de cinema, tres proxeccións do Womex e dous concertos

21/10/2014

O CGAC concentra esta semana un curso de cinema, tres proxeccións do Womex e dous concertos

O mércores comeza o curso de cinema ‘Derivas da modernidade. Do cinema clásico ao cinema moderno. Intuicións, eclosións e ecos dos novos cinemas da modernidade (1950- 1980)’

De xoves a sábado o CGAC colabora coa ‘World Music Expo’ (Womex) no seu 20 aniversario coa programación de tres documentais baixo o título ‘From Berlin to the World’

O domingo terá lugar o concerto didáctico ‘Experimenta coa música’ e a presentación do novo disco de Alejandro Vargas
 

  • Derivas da modernidade Derivas da modernidade
  • Alejandro Vargas Alejandro Vargas
  • Espazo Cámara USC Espazo Cámara USC

Santiago, 21 de outubro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea oferta esta semana diversas actividades no campo do cinema, o documental e a música. Este mércores ás 19.00 h. arrancará o curso de cinema ‘Derivas da modernidade. Do cinema clásico ao cinema moderno. Intuicións, eclosións e ecos dos novos cinemas da modernidade (1950- 1980)’ que terá unha duración de seis meses. O curso, dirixido por José Manuel López, traza un panorama xeral sobre a revolución que supuxeron os novos cinemas nos anos 60, as intuicións trazadas na década dos 50 e os seus ecos nas posteriores décadas dos 70 e 80.
Nos relatorios combinaranse sesións temáticas e transversais como a dedicadas o neorrealismo italiano, a Nouvelle Vague ou o Novo Hollywood con outras monográficas centradas nalgúns dos principais cineastas destas décadas como Robert Bresson, Ingmar Bergman, Orson Welles, Roberto Rossellini, Eric Rhomer ou Stanley Kubrick, entre outros. Nas sesións proxectaranse escenas claves para a análise dos filmes máis representativos deste período decisivo da historia do cinema.

A matrícula é de 80 euros e o prazo para inscribirse remata mañá. As persoas interesadas poden facer a inscrición a través da páxina web do CGAC www.cgac.org ou escribindo un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es. Pode atoparse máis información no link: Curso cinema Derivas da modernidade.

Documentais
Do xoves 23 ao sábado 25 de outubro, con motivo do 20 aniversario da World Music Expo (Womex), o CGAC acolle a sección de documentais ‘From Berlin to the World’. Esta feira internacional de world music programará durante estes días concertos, encontros, conferencias e proxeccións de documentais recentes sobre música en diferentes puntos da cidade. As proxeccións están abertas ao público e terán lugar no auditorio do CGAC ás 18.00 h.

A programación comeza o xoves 23 con ‘Midsummer Night's Tango’, de Viviane Blumenschein. Gravado entre Arxentina e Finlandia no 2011, este documental −producido por Georg Tschurtschenthaler− descóbrenos o tango arxentino en Finlandia. Desde o punto de vista do cantante Chino Laborde, o guitarrista Diego 'Dipi' Kvitko, e o bandeonista Pablo Greco, achegarémonos a esa relación entre Finlandia e o tango que conta o cineasta Aki Kaurismäki nos seus filmes.

O venres 24 proxectarase ‘Que caramba es la vida’, de Doris Dörrie, unha fita que foi gravada en México DF no 2012 e producida en Alemaña este mesmo ano, e que aborda a cultura mariachi mais que como simple música como un estilo de vida que mira ao mundo desde a perspectiva do “macho”.

Finalmente, o sábado 26, proxectarase ‘Journey to Jah’ de Noël Dernesch e Moritz Springer. Unha obra rodada entre Xamaica, Suíza, Alemaña e Italia, entre o 2007 e o 2013.

Para ampliar a información pódese consultar o web http://www.nordesia.com/womex14/. Pódense descargar o dossier e fotos:
https://www.dropbox.com/sh/u1t3jy2sp9gihv7/AACpDTQy41nxoKJQ7gnsHWRVa/WOMEX-documentacion

Xornadas de Música Contemporánea
Este domingo 26 de outubro terán lugar os dous últimos concertos das Xornadas de Música Contemporánea no CGAC. As entradas serán de balde previa retirada do billete na recepción do CGAC ou no Teatro Principal.

Ás 12.30 h. e como parte do programa a ‘AdesTempo’ terá lugar no CGAC o concerto didáctico ‘Experimenta coa música’ da Orquestra do Espazo de Cámara de Universidade, dirixida por Mario Diz. A través de diferentes técnicas experimentais achegarase a música contemporánea aos máis pequenos. Os nenos e nenas que participen coñecerán ademais o funcionamento dunha orquestra e os instrumentos que a compoñen. O público poderá intervir na interpretación das pezas e elaboraranse composicións musicais curtas in situ a base de musicogramas (técnica compositiva con debuxos). Pódese atopar máis información no link Concerto didáctico

Ás 20.00 h o pianista cubano Alejandro Vargas estreará a súa última creación. AMa AZa LaNdo é un fulgor de figuracións representativas de paisaxes sonoras onde se recrean ambientes do minimalismo, o orientalismo, a improvisación libre e o jazz. Pódese atopar máis información no link Alejandro Vargas

Comparte