Nova: Comezan as obras de restauración do cubo XXXI da Muralla, situado á altura da rúa Clérigos, ás que destina 142.000 euros
14/01/2020
Comezan as obras de restauración do cubo XXXI da Muralla, situado á altura da rúa Clérigos, ás que destina 142.000 euros
O delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se escavarán o adarve e a escaleira ata a cota orixinal romana para estudar e protexer o conxunto e repoñer en condicións óptimas os muros e petos
Os traballos contan cun prazo máximo de execución de dous meses
Lugo, 14 de xaneiro de 2020.- A Consellería de Cultura e Turismo deu comezo ás obras de restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo, situado á altura da rúa Clérigos. A actuación conta cun orzamento de 142.000 euros e o prazo máximo de execución será de dous meses.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a zona e explicou que os traballos corrixirán a filtración de humidades e as patoloxías que provocou a acumulación de auga nos muros interiores neste punto.
Para elo, procederase á escavación manual arqueolóxica do adarve e a escaleira ata a cota orixinal romana, e á impermeabilización da estrutura para posteriormente repoñer en condicións óptimas os muros e petos.
Así mesmo, a intervención permitirá seguir afondando na investigación arqueolóxica do monumento. Realizaranse catas coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo romano e documentarase a escaleira exhumada, incluíndo o levantamento topográfico e fotogrametría 3D.
Balseiro subliñou que a Xunta exerce unha protección “constante e exhaustiva” da Muralla, con labores diarias de mantemento e con intervencións de restauración que se suceden de forma continua. Neste sentido, lembrou que recentemente veñen de rematarse as obras no cubo VII -á altura da porta do Bispo Odoario-, nas que se investiron 273.400 euros.
Intervención
A nova intervención programada supón o desmontado do cubo XXXI e a limpeza manual da pedra, así como a retirada da instalación eléctrica e luminarias para a posterior reposición do conxunto.
No que respecta á escaleira, eliminarase o recheo existente e repoñeranse os chanzos que sexa preciso por razóns de estabilidade e funcionalidade, separando e protexendo as estruturas orixinais; realizarase un novo recheo con cachotería de laxas de lousa en seco e reconstruiranse os muros con retranqueo de 5 centímetros e separación con xeotéxtil do muro orixinal.
A impermeabilización do adarve acometerase mediante un recrecido con recheo de laxas de lousa, separado da estrutura orixinal; protexerase con dobre capa de xeotéxtil con lámina de caucho de butilo, unha capa de arxila natural e capa de grixo.
As actuacións que se executan para garantir a estabilidade do monumento no tempo realízanse con criterios de respecto ao orixinal, segundo o sistema construtivo da época e buscando unha diferenciación clara na intervención das partes novas e das existentes: mediante o uso de xeotéxtis, retranqueos das partes novas, diferenciación de materiais, e sempre mediante sistemas construtivos facilmente removibles.