Nova: Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama, premios de literatura dramática da Agadic
10/11/2014
Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama, premios de literatura dramática da Agadic
A vixésimo segunda edición do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais recaeu na obra Raclette de Santiago Cortegoso, mentres que Antón Cortizas obtivo o VIII Manuel María de literatura dramática infantil por Xogando con gatos
O XI Barriga Verde de textos para monicreques foi para O lobo e a lúa, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama, na modalidade para adultos
Santiago, 10 de novembro de 2014.- Santiago Cortegoso, coa obra Raclette, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada hoxe canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por Xogando con gatos, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para O lobo e a lúa, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama, na modalidade para adultos.
Os nomes dos catro gañadores foron desvelados polo dramaturgo e director teatral Roberto Salgueiro, presidente do xurado da edición 2014 destes tres galardóns de literatura dramática, que Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu este acto de comunicación e entrega dos premios que contou tamén coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, e dos catro autores galardoados.
“O sistema literario galego sae reforzado en cada nova edición destes premios literarios”, afirmou o secretario xeral, que se referiu aos galardóns como “unha iniciativa de referencia na promoción e consolidación da nosa literatura dramática actual, arredor da cal se congregan numerosas propostas innovadoras e nomes que veñen expresando a súa forza como figuras destacadas da nosa creatividade”. Anxo Lorenzo tamén se amosou convencido de que as obras gañadoras serán referentes na estética, na percepción e na concepción da literatura dramática, ao tempo que servirán de estímulo para o gusto do público lector e para abrir novas posibilidades de proxección escénica.
Posta en valor da literatura dramática
O director da Agadic destacou que estes recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia “como xeito de enriquecer os escenarios con montaxes producidas a partir de propostas textuais galegas, orixinais e contemporáneas”, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería mantén en colaboración con varias editoriais galegas.
O xurado, do que tamén formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.
No caso de Raclette, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección.
Traxectorias de recoñecementos
Autor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso suma este premio á súa xa ampla nómina de recoñecementos como autor de textos teatrais, que foron levados a escena tanto pola súa compañía, Ibuprofeno Teatro, como por outras formacións galegas. Pola súa banda, Antón Cortizas, mestre de profesión e gañador desta oitava edición do Manuel María, é un dos escritores máis premiados e traducidos da literatura infantil e xuvenil galega.
De Xogando con gatos, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas...) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.
Intriga e suspense no imaxinario infantil
A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con O lobo e a lúa, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.
Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.
Técnica orixinal
Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de Ela, piedade dos suicidas, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.
O seu autor, quen en 2010 foi recoñecido co Manuel María de literatura dramática infantil por Os reloxos preguiceiros de Néboa, define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.