Nova: Ciclo no CGAI sobre a aproximación audiovisual á arquitectura de Heinz Emigholz

17/11/2014

Ciclo no CGAI sobre a aproximación audiovisual á arquitectura de Heinz Emigholz

A retrospectiva ofrecerá integramente a serie de retratos de arquitectos Architecture as Autobiography, así como as súas últimas fitas, nas que reflexiona sobre o modernismo arquitectónico

As nove proxeccións que integran esta panorámica completaranse con presentacións e coloquios cos arquitectos galegos Luz Paz, Xoán Mosquera, Fernando Agrasar, Emma López, Celestino García Braña e Evaristo Zas

Este sábado terá lugar unha nova entrega da sección CGAI Júnior na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe, que a partir do día 25 dedicará a súa programación á conmemoración do 25º aniversario da estrea das tres primeiras longas galegas

  • O cineasta alemán Heinz Emigholz O cineasta alemán Heinz Emigholz

A Coruña, 17 de novembro de 2014.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) desenvolve desde mañá martes e ata o venres 21 un ciclo dedicado a Heinz Emigholz, un dos nomes más recoñecidos da vangarda cinematográfica alemá, e ao seu achegamento audiovisual á arquitectura.

Organizada en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, o Festival de Cine Europeo de Sevilla e a CulturArts-Filmoteca do IVAC valenciano, esta retrospectiva achéganos a particular aposta estética deste polifacético artista, que lles propón aos espectadores unha completa experiencia sensorial a partir do son ambiente e da beleza dos detalles, a luz e os espazos retratados. No CGAI poderán verse oito dos seus títulos, inseridos á súa vez en dúas das series cinematográficas a través das que indaga sobre como as intervencións da arquitectura e da enxeñaría teñen modificado a paisaxe urbana nos últimos tempos.

Arquitectura como autobiografía
O novo ciclo da filmoteca galega ofrece de xeito íntegro a serie ‘Architecture as Autobiography’, un conxunto de sete títulos nos que o cineasta alemán retrata oito referentes da arquitectura moderna: Louis H. Sullivan (‘Sullivan’s Banks’, 2000), Robert Maillart (‘Maillart’s Bridges’, 2001), Frederick Kiesler (‘Two Projects by Frederick Kiesler’, 2009), Bruce Goff (‘Goff in the Desert’, 2003), Rudolph Schindler (‘Schindler’s Houses’, 2007), Adolf Loos (‘Loos Ornamental’, 2008) e Auguste e Gustave Perret (‘Perret in France and Algeria’, 2012).

A última destas fitas forma parte, así mesmo, da serie ‘Decampment of Modernism’, da que tamén se proxecta a súa película sobre Pier Luigi Nervi (‘Parabeton-Pier Luigi Nervi and Roman Concret’, 2012) e a que é, ata o de agora, a súa última longametraxe: ‘The Airstrip’ (2014), presentada no último Festival de Berlín e na que Emigholz percorre o mundo a partir dunha reflexión sobre o modernismo arquitectónico.

Coloquios
Esta aproximación á arquitectura da man de Heinz Emigholz complementarase coas presentacións e coloquios que, coincidindo coas diferentes sesións cinematográficas, protagonizarán os arquitectos galegos Luz Paz e Xoán Mosquera (mañá martes, ás 20.30 horas), Fernando Agrasar (mércores 19, ás 18.00, e xoves 20, ás 20.30 horas), Emma López (mércores 19, ás 20.30 horas), Celestino García Braña (xoves 20, ás 18.00, e venres 21, ás 18.00 horas) e Evaristo Zas (venres 21, ás 20.30 horas).

Esta semana de proxeccións no Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe, ademais, unha nova entrega da sección CGAI Júnior: ‘Cocorico’, da produtora galega OQO Filmes, que poderá verse este sábado 22, ás 18.00 horas.

25 anos de cine galego
Tras estas citas, o Centro Galego de Artes da Imaxe entrará na recta final da súa programación de 2014 cun amplo ciclo dedicado exclusivamente ao cinema producido en Galicia durante os últimos 25 anos. Este especial forma parte da programación elaborada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da estrea das primeiras longas galegas (‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’), na que tamén se insire a exposición ‘CineGalicia25’ no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e a realización do documental ‘Cine en Galicia: 25 anos despois’, que está a producir a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Televisión de Galicia.

O calendario detallado coas datas e horarios das diferentes sesións, así como a información sobre prezos e venda de entradas, pode consultarse na web www.cgai.org.

Comparte