Nova: Novo ciclo de concertos no CGAC ao redor da música e a arte
17/11/2014
Novo ciclo de concertos no CGAC ao redor da música e a arte
A xornada incluirá unha visita guiada á exposición de Cristina Lucas no CGAC, un concerto de Vertixe Sonora Ensemble inspirado no traballo desta artista e unha conversa con diferentes compositores sobre os seus procesos creativos
Santiago, 17 de novembro de 2014.- O Centro Galego de Arte Contemporánea presenta mañá día 18 a nova programación de Música e arte. Correspondencias sonoras cunha xornada orientada a coñecer algunhas das claves que configuran a creación artística e musical do noso tempo. O evento está organizado polo CGAC, o Ateneo e a Universidade de Santiago de Compostela.
O programa comezará ás 19:30 horas cunha visita comentada á mostra Es capital da artista xienense Cristina Lucas que expón neste momento no CGAC a partir da que se crea un punto de encontro entre a música e a arte explicitado no concerto VALOR, a cargo de Vertixe Sonora Ensemble. A formación está composta por Alessandra Rombolà (frauta), Felipe Agell (clarinete), Pablo Coello (saxofón), Roberto Alonso (violín), Angélica Vázquez (arpa), David Durán (piano e teclado) e Ramón Souto (difusión de son). Previo a este recital, ás 20:00 horas, o director artístico de Vertixe Sonora Ensemble, Ramón Souto, terá unha conversa cos compositores Sabrina Schroeder, Takuto Fukuda, Marek Poliks e Benjamin Scheuerna que falarán da súa música e dos procesos creativos que hai detrás do seu traballo.
A xornada culminará ás 20:30 horas co devandito concerto VALOR de Vertixe Sonora Ensemble baseado nas obras de Cristina Lucas que poñen de manifesto a irrupción do capital en todas as esferas das nosas vidas; en conceptos como o amor, a morte, a arte, o medo, o tempo ou a dor. Alleos ao materialismo, ou impulsados e violentados por el, preséntanse cinco composicións, cinco activos sonoros con VALOR engadido. Así, “Centrifugal Melodies”, de Takuto Fukuda, representa unha forza centrífuga provocada por movementos cíclicos que reVALORiza a propia repetición na dinámica. Fukuda (Xapón, 1984) é compositor e artista sonoro, licenciado en Sonoloxía (2008) polo Kunitachi College of Music de Xapón e Máster en Sonoloxía (2011) polo Real Conservatorio da Haia, pertence ao equipo de desenvolvemento DIPS (Procesamento Dixital de Imaxes con Son) e foi relator na International Computer Music Conference (Dinamarca, 2007). As súas composicións foron galardoadas co premio Futura no Contemporary Computer Music Concert (Xapón, 2011), co terceiro premio na International Taiwan Electroacustic Music Composition Award e cunha mención de honra na International Electroacustic Music Composition Competition Musica Nova (Chequia, 2010). Ademais, foi seleccionado para participar no EMUfest (Italia, 2011), no Concert Banc d'essai (Francia), no Seoul International Computer Music Festival (Corea, 2011), nas Sonic Rain Concert Series (Estados Unidos), na International Electroacustic Music Composition Competition Musica Nova (Chequia, 2008) e no International Festival of Electroacoustic Music (Ai-maako, 2007, e Chile, 2011).
No marco deste mesmo concerto, as formulacións estéticas ou reflexións das que xorde 'buri ii', de Marek Polis, proporán novos VALORes; mentres que Vladimir Gorlindski o 'Bramputapsel'; estará VALORando sinxelos aspectos humanos como a amizade ou o económico sentido sonoro da palabra. Polis (Estados Unidos, 1989), que realizou o doutoramento na Universidade de Harvard con Chaya Czernowin e Steven Takasug, conta cunha ampla traxectoria chea de espazos creativos e discursivos que inclúen tanto a música clásica contemporánea como a arte. Pola súa parte, Vladimir Gorlinsky (Moscova, 1984), graduado en composición no Conservatorio de Moscova, ten experimentado na súa carreira con instrumentos tradicionais, étnicos ou da súa propia invención. Entre outros méritos, en 2002 foi galardoado co primeiro premio na Schnittke International Competition for Young Composers, en 2007 tamén gañou un premio na Jurgenson International Young Composers Competition e ao ano seguinte o Gran Premio do Festival Pythian games (San Petersburgo). A súa peza Ultimate Granular Paradise, presentada en Rostrum 2008 e retransmitida en máis de dez países, foi seleccionada e interpretada no Gaudeamus Music Week (Utrecht, 2011). A obra S'Morzando soou no festival ISCM (Hong Kong, 2007).
A VALORación do contacto físico enfatizando as friccións e tensións, a fraxilidade e a contundencia dos mecanismos activos farase presente no Stircrazer: Hammer + Flutter de Sabrina Schroede (Canadá, 1979) directora do Harvard Group for New Music en Massachusetts. O seu traballo recréase coas friccións (tanto íntimas como opostas) da música como cartografía, abordando acontecementos cotiáns, e coas posibilidades viscerais e imaxinativas do son e das actuacións en directo. Fundadora dun proxecto/performance de artistas sonoros e visuais emerxentes na cidade de Victoria, na Columbia Británica, é membro activo de diversos colectivos de compositores e intérpretes.
Pola súa parte, a “Serenaden” de Benjamin Scheuer amosará a sinxeleza do cotián, un VALOR que perdura inherente á súa propia esencia e que evoluciona nos seus novos e diferentes usos. Scheuer (Alemaña, 1987) estudou Composición en Hamburgo e Karlsruhe, onde obtivo o posgrao con Wolfgang Rihm. A súa música caracterízase polo uso de elementos humorísticos e teatrais, implicando obxectos da vida cotiá, xoguetes e electrónica Lo-Fi e incluíndo microtonalidade na harmonía das súas composición para adaptarse ás características deses elementos. A súa música de cámara presentouse en festivais de varios países do mundo. En 2013 gañou a bolsa Aldeburgh Music Opera Writing Fellowship para desenvolver a ópera Beyond the Pale (con libreto de Tom Swift) que vai rematar en 2015 co apoio do Irish Arts Council. É membro fundador da organización Músicos sen Fronteiras e viaxa a miúdo como voluntario a Ecuador, onde dá clases de música en barrios con habitantes de escasos recursos.