Nova: O campamento romano da Ciadella Renace baixo a vexetación despois de dous meses de intervención arqueolóxica

22/05/2020

O campamento romano da Ciadella Renace baixo a vexetación despois de dous meses de intervención arqueolóxica

A Xunta de Galicia e un equipo da Universidade de Vigo afondan no coñecemento deste asentamento militar do século II

Santiago de Compostela, XX de maio de 2020.- Despois de dous meses de intervención arqueolóxica, o campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, comeza a renacer baixo a vexetación. Desde o pasado 2 de marzo, un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo desenvolve un proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo. “Logo de dous meses de traballo, cun parón de tres semanas pola pandemia da COVID-19, xa se aprecian os importantes avances dos traballos da fase de escavación”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros, é froito da consecución por parte do equipo da Universidade de Vigo do concurso de licitación do traballo promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A iniciativa abrangue investigación, novas escavacións e tarefas de conservación-restauro cunha duración total de dez meses. Polo que respecta ás escavacións que se están desenvolvendo na actualidade, tiñan unha duración de tres meses, desde marzo ata maio, aínda que as novidades e o parón provocado pola COVID-19 van facer necesario prologalas ata mediados de xuño. Nelas participan doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, contando o proxecto coa participación dos membros do GEAAT e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e Ladislao Castro.

Dúas frontes de traballo

As escavacións, explica Adolfo Fernández, concéntranse no edificio 1-2 mentres que no chamado edificio 4 do xacemento a intervención consiste nunha limpeza e nunha reescavación dos niveis xa intervidos nos anos 90 do século pasado para proseguir cunha importante restauración dos restos arqueolóxicos. Na zona do edificio 1-2, detalla o arqueólogo, “xa se escavou por completo a fronte norte descubrindo os muros norte e oeste dunha grande estrutura do campamento”. Entre este edificio e a muralla do campamento, engade, descubriuse una camiño perimetral, a chamada "via sagularis". Xa se avanza tamén neste sector na escavación dunha grande área que completaría a totalidade deste edificio, chegando ata a rúa principal do campamento, a chamada "via principalis". Ademais das estruturas campamentais do alto imperio, o equipo da UVigo está detectando “unhas importantes fases de reocupación civil do xacemento datadas a finais do século IV e outra posterior, xa do século VI en diante, que inclúe unha zona de necrópole posiblemente das épocas tardoantiga e altomedieval que non era coñecida en toda a súa extensión”. “Algunhas delas conservaban parte do cadaleito de madeira polo que a súa escavación está sendo moi complexa”, sinala Adolfo Fernández. Porén, o obxectivo desta campaña, lembran os seus responsables, é conseguir coñecer a planta da primeira fase, a do campamento militar, e con elo coñecer a funcionalidade dos edificios que ocupan a parte central do recinto castrense.

Polo que respecta á zona do edificio 4, Adolfo Fernández comenta que “avanzouse na retirada de boa parte da cobertura vexetal que o tapaba deixando á vista elementos que foran escavados nos anos 90”. Escavouse, detalla, a fronte sur “e nun días toda esta área estará lista para o seu rexistro pormenorizado mediante fotogrametría 3D e posteriormente procederase a escavacións puntuais co obxectivo de clarificar as estruturas campamentais aquí agochadas baixo unha importante ocupación tardoantiga e medieval protagonizada por unha igrexa e outras edificacións anexas”.

A pouco menos dun mes para o final da campaña, o equipo da Universidade de Vigo agarda desentrañar parte da planta real do campamento romano instalado posiblemente xa finais do século I antes de Cristo e outorgarlle unha funcionalidade a todos estes edificios campamentais e de épocas posteriores que se localizan nos chamados edificios 1-2 e 4. Logo da escavación e rexistro será o momento da fase de posta en valor cunha completa intervención de conservación e restauro co obxectivo de que este complexo xacemento, que pervive desde o século I ata o século XII, sexa comprensible para os futuros visitantes. Todas as actividades de difusión con alumnado, charlas e actividades divulgativas atópanse adiadas ata que o estado de alarma provocado pola COVID-19 permita que se poidan desenvolver. Porén, a información e as novidades do avance do proxecto pódense seguir diariamente nas redes sociais.

Importancia do xacemento

O xacemento, lembra Adolfo Fernández, “é moi complexo xa que presenta unha ocupación prolongada desde a construción inicial do campamento militar, probablemente xa a finais do século I despois de Cristo, coa posterior chegada e instalación da Cohors I Celtiberorum, ata o séculos XII-XIII, cunha importante ocupación tardoantiga que se estende por riba do forte militar romano asociado a unha primitiva igrexa alto medieval, que no século XII foi trasladada a poucos metros fóra do xacemento”. Esta unidade militar mixta (de infantería e cabalería) dependía directamente da Lexio VII Gémina, establecida en León, sendo a súa función principal a de garantir as comunicacións entre Lucus Augusti (Lugo), unha das capitais romanas do Noroeste, e o porto de Brigantium (A Coruña), amais de controlar as explotacións mineiras da zona e dar soporte á administración para o cobro de impostos.

 

Comparte