Nova: O Salón Teatro retoma a súa actividade escénica con A historia de Sweeney Todd
01/12/2014
O Salón Teatro retoma a súa actividade escénica con A historia de Sweeney Todd
Unha adaptación libre dirixida por Roberto Salgueiro e que conta coa colaboración musical da Orquestra de Cámara da universidade compostelá
Este espazo compostelán retoma o teatro despois do festival Cineuropa con tres funcións desta montaxe, de acceso gratuíto para o público
Santiago, 1 de decembro de 2014.- O Salón Teatro compostelán acolle mañá martes 2 de decembro ás 21:00 horas a estrea de A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet, a nova montaxe da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O espectáculo, con dirección escénica de Roberto Salgueiro e colaboración musical a cargo da Orquestra de Cámara da USC baixo a dirección de Mario Diz, é unha adaptación libre baseada no famoso musical de Broadway ideado por Stephen Sondheim, que tivo a súa versión cinematográfica en 2007 por Tim Burton e con Johnny Depp como protagonista. A obra narra a vida de Benjamin Barker, tamén coñecido como Sweeney Todd, un sinistro personaxe que asasinaba os clientes mentres os afeitaba coa navalla na súa barbería de Londres.
O Salón Teatro acollerá un total de tres funcións deste espectáculo, do 2 ao 4 de decembro, todas elas ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta previo paso polo despacho de billetes, que abrirá desde as 19:00 horas. Só poden retirarse dúas entradas por persoa.
Con esta estrea, o Salón Teatro retoma a súa programación escénica despois de ter dedicado o mes de novembro á proxección audiovisual como unha das sedes do festival internacional Cineuropa que organizou o Concello de Santiago. Despois das tres representacións de A historia de Sweeney Todd, o barbeiro diabólico da rúa Fleet, o mesmo escenario albergará a próxima semana varias funcións de grupos de teatro amador no marco do Festival Agustín Magán, que promove a Federación Galega de Teatro Afeccionado. A carteleira anual pecharase coa estadía da última produción do Centro Dramático Galego (CDG) As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, que ofrecerá pases para público escolar e familiar entre o 9 e o 30 de decembro.