Nova: Nadal en Rede leva a 60 concellos actividades de lecer en galego
12/12/2014
Nadal en Rede leva a 60 concellos actividades de lecer en galego
Entre as propostas renovadas e ampliadas están Cantar con María Fumaça, Cantigas da estrela, Feliciano, Espantallo amigo, Lingua de Reis, Un Nadal novo e en galego. Guía de agasallos para a mocidade, O libro dos Reis Magos, A carta ás Súas Maxestades e as Postaisengalego.org
Santiago, 12 de decembro de 2014.- A Rede de Dinamización Lingüística, un ano máis, quere celebrar o Nadal en galego. Por iso pon en marcha unha nova edición do programa Nadal en Rede, que inclúe actividades de lecer na nosa lingua e, ademais dos materiais xa coñecidos, ten como novidade Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova .
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, deu a coñecer este mediodía na Cidade da Cultura de Galicia esta ampla programación de Nadal que chegará a partir desta fin de semana a concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, da man dunha edición de Nadal en Rede renovada e ampliada no marco da programación anual de actividades da RDL.
Segundo explicou o titular de Cultura e Educación “despregaremos ao longo das vindeiras tres semanas máis de 60 actividades de promoción do uso da lingua propia de Galicia, ademais de pór a disposición da cidadanía novos recursos para animar a todos e a todas a festexar estas datas en galego, nomeadamente á xente miúda, que é a que vive o Nadal cunha ilusión especial”. O conselleiro sinalou tamén que “o programa Nadal en Rede incrementa así a oferta de actividades de dinamización lingüística con respecto á edición anterior, nunha nova aposta por fornecer de propostas de lecer en galego as programacións propias dos concellos a través desta programación específica”.
Vázquez Abad incidiu igualmente nos “recursos e nas ferramentas dixitais que xa están a disposición de toda a cidadanía en internet, desde o web www.lingua.gal, para celebrar, para felicitar e para agasallar estas festas en galego potenciando, asemade, o emprego e a visibilidade da lingua propia de Galicia na internet e nas tecnoloxías da información e da comunicación”.
‘Aposta polo idioma como ferramenta da creatividade artística’
O acto de presentación, no que o titular de Cultura e Educación estivo acompañado polo secretario xeral de Política lingüística, contou coa participación de Uxía e de Magín Blanco, os artistas encargados das propostas musicais de Nadal en Rede 2014: A cantar con María Fumaça e Cantigas da estrela, respectivamente. Nel tamén participou a representación das empresas xestoras das iniciativas postas en marcha no marco deste programa, “todas elas –segundo sinalou Vázquez Abad- empresas ou distribuidoras de xestión cultural e artistas que desenvolven a súa actividade na lingua propia, nunha alianza na que queda patente a aposta polo idioma como ferramenta da creatividade artística e pola actividade empresarial en galego”.
A cantar con María Fumaça
A coñecida Uxía convidará as familias e a súa xente miúda a subir no tren da música para festexar o Nadal cantando e bailando en galego. Nun concerto exclusivo de Nadal en Rede percorrerá 14 localidades galegas acompañada de Santi Cribeiro e de Sérgio Tannus, da famosa María Fumaça e dun amplo e divertido repertorio no que combinará as pezas do Xiqui xoque, fiú fiú con panxoliñas e con outras músicas tradicionais propias deste tempo. Os concertos arrancan este domingo nos concellos coruñeses de Fene e de Ordes e percorrerán ata xaneiro Burela, Vilaboa, Lalín, Oleiros, Boiro, O Barco de Valdeorras, Ribeira, A Estrada, Ames, Bueu e Verín.
Cantigas da estrela
Magín Blanco animará a xente miúda da casa a seguir o ronsel das estrelas para gozar do Nadal coas músicas máis coñecidas de Gatuxo e de A nena e o grilo, nun concerto moi especial que integra panxoliñas inéditas do músico e compositor. Acompañarano María Faltri e Jorge Juncal nunha xira que fará parada en 19 localidades da RDL coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña en concellos da súa competencia territorial.
Unha proposta imprescindible para celebrar este Nadal cantando en galego que comeza hoxe mesmo en Cee (cun concerto ás 18:00 horas no Salón de Actos do Concello) e que percorrerá, baixo xestión de Urdime, ata xaneiro os concellos de Palas de Rei, Cangas, Redondela, Ferrol, O Carballiño, Betanzos, Santiago de Compostela, Viveiro, Teo, O Porriño, Ourense, Arteixo, Carnota, Muxía, Ponteceso, Pontedeume, Val do Dubra e a Mancomunidade de Arousa Zona Norte.
Feliciano
Os 7 magníficos + 1 (os televisivos Fran Rei e Pedro Brandariz) agasallarannos cunha boa dose de risas e de alegría para despedir o ano 2014 e darlle a benvida ao 2015. Porque o Nadal non é só cousa de nenos, velaquí unha proposta para público de todas as idades que percorrerá Galicia, baixo xestión de Culturactiva, cunha serie de pequenas pezas humorísticas e que nos fará contemplar as festas de Nadal cunha mirada desenfadada. A Deputación Provincial da Coruña, membro da RDL, colabora nesta actividade exclusiva de Nadal en Rede levándoa a concellos do seu ámbito territorial.
Feliciano arranca hoxe mesmo no Centro Social Toñito Espiñeira de Carral (cunha función ás 20:30 horas) e percorrerá ata xaneiro Carballedo, Trazo (en colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes), Zas, Cuntis, Barbadás, Miño, Neda, Fisterra, Laxe, Negreira, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Castro de Rei, O Saviñao (en colaboración co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra), Xinzo de Limia, A Bola e Ponteceso (en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal).
Espantallo amigo
Nadal en Rede revisa, da man dos Quinquilláns e da Editorial Galaxia, a peza teatral coa que tantas e tantas xeracións se mergullaron no teatro infantil en galego. E faino cunha nova versión na que Lucho Penabade e Tero Rodríguez continúan a historia orixinal contada polos adultos que lle deron vida á trama do Espantallo amigo de Xosé Neira Vilas. Nunha proposta escénica deseñada por Xosé Vizoso, a actividade ofrécelle como complemento aos espectadores unha reedición especial ilustrada por Xaquín Marín (Editorial Galaxia). Esta proposta teatral dirixida a público xeral a partir dos sete anos, estrearase mañá no Liceo de Ourense (ás 19:00 horas) e chegará a Santiago de Compostela, a Ribeira, a Xinzo de Limia, a Ferrol, á Estrada e á Coruña.
Lingua de Reis
Os escolares de infantil e primaria do CEIP Eduardo Cela Vilas de Triacastela, do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, do CEIP Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea (a onde acoden tamén os escolares de Piñor), do CEIP de Manzaneda e do CEIP de Oroso recibirán a derradeira semana de clases do ano unha visita moi especial: os tres Reis Magos de Oriente, baixo xestión de EducaTeatro, pasarán polo seu centro e falaranlles na lingua propia de Galicia para que todos os nenos e nenas saiban o moito que lles gusta e que a aprecian.
Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado revisan, baixo xestión de Reverso Comunicación Lingua e Cultura, por terceiro ano consecutivo un catálogo de propostas para potenciar o uso do galego na mocidade e para favorecer que se agasalle ou que se pidan como galanos produtos en galego. Con ela, tamén se quere contribuír a difundir a existencia de produtos na lingua propia de Galicia e poñer en valor o uso do idioma na fabricación de todo tipo de obxectos e no ámbito da empresa. Dispoñible para a súa descarga no web www.lingua.gal.
Recursos na rede para galeguizar o Nadal
Ademais das cinco actividades de dinamización lingüística (coma sempre, todas de balde e con entrada libre ata completar a capacidade das salas) e da nova guía de agasallos en galego, Nadal en Rede inclúe unha ampla oferta de recursos en rede accesible dende calquera punto de Galicia. A xente miúda poderá descargar de maneira gratuíta un modelo de carta para enviarlle aos Reis Magos aquí, mentres que os máis vellos terán a oportunidade de felicitar as festas aos seus amigos e familiares a través das postais electrónicas dispoñibles aquí.
Por último, e para facilitarlle o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da RDL terán cadanseu exemplar de O libro dos Reis Magos e quen estea interesado/a nel pódeo descargar aquí. Toda a información sobre o programa aquí.