Nova: A Xunta adxudica a restauración do retablo lateral da igrexa de San Xiao de Laíño en Dodro

04/09/2020

A Xunta adxudica a restauración do retablo lateral da igrexa de San Xiao de Laíño en Dodro

As actuacións permitirán reparar os danos existentes neste ben da época barroca que está incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia

A restauración centrarase en atallar os danos estruturais producidos por condicións ambientais e que provocaron danos na volumetría e policromía

 

Dodro (A Coruña), 4 de setembro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar os traballos para restaurar o retablo lateral de Nosa Señora do Socorro da igrexa parroquial de San Xiao de Laíño, no concello de Dodro. As actuacións contan cun orzamento de 22.460 euros e permitirán reparar os danos existentes neste ben da época barroca e incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Concretamente, a restauración conta cun prazo de execución previsto de catro meses e centrarase en atallar os danos estruturais existentes no ben a causa das condicións ambientais e que provocaron afeccións como perdas volumétricas, fendas, a oxidación de elementos metálicos ou danos na policromía. Así pois, entre as actuacións que se levarán a cabo figura a restauración das imaxes do retablo, o tratamento de elementos metálicos, a consolidación da madeira debilitada, a revisión de ancoraxes ou o sentado do dourado e a policromía deste ben, entre outras.

Para poder desenvolver estes traballos, a Xunta asinou un convenio coa Arquidiocese de Santiago de Compostela que permitiu a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que figura a igrexa de San Xiao de Laíño.

Igrexa do século XVII

O retablo lateral de Nosa Señora do Socorro da igrexa parroquial de San Xiao de Laíño trátase dun ben da época barroca realizado en madeira de castiñeiro policromada e dourada. O deseño da súa arquitectura e o uso dalgúns elementos decorativos son mostra deste estilo artístico, como queda reflectido na columna salomónica con fuste en espiral cuberto de panos, borlas, cintas e temática vexetal ou no remate en volutas e anxos que remiten a mediados do século XVIII.

Esta igrexa parroquial de estilo barroco foi construída a principios do século XVII e trátase dun templo con planta de cruz latina. No seu interior destacan especialmente os seus retablos: o maior, obra de Francisco de Lens, e nos brazos do cruceiro outros dous de 1764 de Francisco Núñez de Boiro.

Comparte