Nova: Patrimonio autoriza a Repsol as obras para construír o futuro poliduto do Porto Exterior da Coruña

14/09/2020

Patrimonio autoriza a Repsol as obras para construír o futuro poliduto do Porto Exterior da Coruña

A empresa presentou un plan de conservación co obxectivo de protexer os restos arqueolóxicos descubertos na traza deste conduto

O plan será respectuoso coa configuración do conxunto e retirará os elementos para restablecelos a súa localización orixinal unha vez rematadas as obras

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de autorizar o proxecto de extracción, traslado e recolocación dos petróglifos de Nostián, o afloramento arqueolóxico que foi descuberto no trazado do futuro poliduto que quere construír Repsol para conectar a súa refinería co Porto Exterior da Coruña. Trátase dun proxecto necesario para conseguir a autorización da obra e que foi presentado pola refinería co obxectivo de protexer o conxunto antrópico e natural formado por dous gravados circulares que, aínda que non son perceptibles a simple vista, están asociados a un conxunto de cazoletas de orixe natural.

O proxecto de conservación presentado por Repsol é un plan no que se contempla a posta en valor do conxunto buscando a mellor solución técnica que permita, ao mesmo tempo, manter a integridade do afloramento arqueolóxico no seu emprazamento orixinal. Neste contexto, a refinería deseñou un proxecto respectuoso coa configuración do conxunto no que se contempla a retirada de dous motivos circulares para restablecelos, unha vez rematadas as obras, a súa localización orixinal.

Dividido en sete fases, o proxecto conta cun prazo de execución previsto de 50 días e está organizado como unha intervención interdisciplinar na que participará un equipo de profesionais composto por arqueólogos, restauradores e canteiros. Así, a autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que permite iniciar a escavación arqueolóxica supón o remate da primeira fase que continuará coa adecuación do trazado proxectado modificando a configuración do espazo das tubaxes co obxectivo de salvar a totalidade do conxunto de cazoletas. Precisamente, a protección destes motivos supón a terceira fase do proxecto.

O cuarto paso correspóndese coa extracción dos únicos motivos afectados polas obras, dous gravados circulares que serán extraídos co obxectivo de baleirar o espazo que ocupará o conduto. Para iso, empregaranse métodos pouco agresivos que garantan o bo mantemento do conxunto. As últimas fases supoñen a instalación das tubaxes, a recolocación dos elementos arqueolóxicos e, para rematar, a reposición da capa vexetal para devolver ao conxunto o aspecto que presentaba antes do inicio das obras. Ademais, realizarase unha posta en valor mediante sinalización e incorporación de paneis informativos.

Comparte