Nova: Contacontos e xogos en xaneiro na Biblioteca Pública de Lugo

03/01/2015

Contacontos e xogos en xaneiro na Biblioteca Pública de Lugo

Estas actividades enmárcanse no conxunto das máis de 70 iniciativas que Cultura organiza nos museos e bibliotecas que dependen dela 

  • A Biblioteca Nodal de Lugo acolle en xaneiro sesións de contacontos e xogos para os máis cativos A Biblioteca Nodal de Lugo acolle en xaneiro sesións de contacontos e xogos para os máis cativos

Santiago, 3 de xaneiro de 2015.- O mes de xaneiro arranca na Biblioteca Pública de Lugo cargado de actividades para os máis pequenos da casa. Segundo a programación prevista pola Consellería de Cultura e Educación nesta biblioteca, todos os venres de xaneiro haberá unha sesión de contos e xogos dirixidos ao público infantil.

A primeira destas sesións terá lugar o venres día 9, ás 18,00 horas, cunha sesión de 'Sana sana curita de rana', un taller para curar os medios e inquedanzas dos cativos a través dos contos. Terá lugar na ludoteca e a sesión estará dirixida a nenos de 4 a 12 anos. Ese mesmo venres, con motivo do Día do usuario/a da Biblioteca, tamén está previsto unha xornada de portas abertas, a liberación de libros ‘bookconssing’ en distintos lugares da biblioteca para que fagan o seu percorrido polo mundo, e o nomeamento de socios de honra para os tres usuarios infantís e os tres adultos con máis préstamos durante 2014.

O venres 16 representarase ‘O xogo de Nano’, para nenos de 0 a 3 anos; o venres 23 tocaralle o turno a ‘Contos con catro sentidos’, para o público de 4 a 12 anos; e o venres 30 a biblioteca acollerá o obradoiro de ilustración ‘Mundos de papel’ no que nenos e nenas de 4 a 12 anos poderán experimentar coas técnicas ilustrdoras mediante a creación de personaxes e escenarios de ficción empregando o papel como material principal.

Certame de poesía
Cómpre lembrar tamén que ata o día 19 de xaneiro mantense aberto o prazo para presentar os traballos que optarán aos premios do Certame de Poesía na súa fase provincial. Nesta fase poderán participar os seleccionados nas 23 bibliotecas públicas municipais da provincia de Lugo que resultaron gañadores na fase local celebrada en decembro. Adxudicaranse un total de tres premios, dotados cada un deles cunha estatuíña de Sargadelos, un diploma e un lote de libros, así como os accesit que os xurado considere oportunos en función da calidade dos traballos presentados. Ademais, editarase un libro cos traballos premiados na fase provincial deste certame.
 

Comparte