Nova: A Xunta convoca as novas edicións dos seus premios de literatura dramática cunha dotación global de 26.000 euros

14/02/2022

A Xunta convoca as novas edicións dos seus premios de literatura dramática cunha dotación global de 26.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XII Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

Os tres galardóns comparte como obxectivo servir de estímulo e recoñecemento para a creación literaria en galego no eido teatral

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases das novas edicións dos tres premios de literatura dramática que a Xunta de Galicia convoca con periodicidade bienal: XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XII Manuel María de Literatura Dramática Infantil e XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto, que suman unha dotación económica de 26.000 euros (8000 euros para o primeiro deles e 6000 euros para cada un do resto de galardóns e categorías).

Os tres comparten como obxectivo servirlle de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurarlle un maior recoñecemento e proxección social. Co mesmo fin e ademais das devanditas contías económicas, as bases establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén con diferentes editoriais galegas.

Presentación de orixinais ata o 2 de maio

Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que participen con textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto desde mañá ata o 2 de maio.

Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. Así mesmo, para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María, quedan excluídos os textos para teatro de monicreques.
Un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico será o encargado da valoración de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O seu ditame farase público antes do 10 de decembro de 2022 e para emitilo, teranse en conta aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada galardón e o coidado da lingua.

Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu en As desterradas, de Carme Varela, ao tempo que o Barriga Verde nas súas modalidades para adultos e para rapaces foi, respectivamente, para Esther F. Carrodeguas por República Sideral e para Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!. Pola súa banda, o Manuel María foi declarado deserto.

As desterradas está xa publicado na colección Biblioteca Dramática Galega, que a Xunta mantén con Edicións Xerais, mentres que República Sideral e Pois eu! forman parte da serie Barriga Verde, con Baía Edicións. Os tres títulos poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta como nos principais puntos físicos de venda.

Comparte