Nova: Román Rodríguez agradece a Tanxugueiras a súa contribución á proxección internacional do galego

20/02/2022

Román Rodríguez agradece a Tanxugueiras a súa contribución á proxección internacional do galego

As artistas actúan hoxe no marco das actividades conmemorativas que o Goberno autonómico preparou na Cidade da Cultura, nun acto presentado pola xornalista Esther Estévez e co grupo Trotaventos

“Agrupacións musicais como estas demostran que empregando a nosa lingua podemos chegar a todos os públicos do mundo”, expresa o titular de Cultura

O encontro congrega arredor dunhas 800 persoas
 

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia conmemorou hoxe o Día Internacional da Lingua Materna -que este ano pon o foco no uso das tecnoloxías- nun acto lúdico e didáctico dirixido ás familias e ao público máis novo celebrado na Cidade da Cultura, que contou coa participación de Tanxugueiras.
Durante o acto, presentado pola xornalista e presentadora do programa da TVG Dígocho Eu Esther Estévez, Román Rodríguez agradeceu ás artistas o seu compromiso coa nosa tradición e a súa contribución á proxección internacional do galego. “A participación no certame de Benidorm supuxo unha onda de orgullo pola nosa lingua, pola nosa música e pola nosa tradición, que está calando especialmente entre os máis novos”, expresou. Salientou que a súa actuación demostrou, ademais, que empregando o galego “podemos chegar a todos os públicos, tanto de España como de Europa e o resto do mundo”.
O titular de Cultura da Xunta recordou que a música está a ser importante para promover o galego entre os máis novos con iniciativas ás que se suman propostas de música infantil como a de Trotaventos, que tamén formaron parte das actividades conmemorativas de hoxe. “Todos eles garanten o relevo xeracional do galego”, indicou.
Aproveitando a presenza de numerosas familias entre os arredor de 800 asistentes, referiuse á importancia de traballar xuntos no futuro do galego xa que, como dixo, “o mellor xeito de manter viva a lingua é falándoa e empregándoa todos os días en todos os ámbitos, desde a música, a literatura ou en calquera situación social ou cultural”.
Recordou que Galicia conta cun sistema educativo robusto que nos últimos anos está a fomentar o uso do galego entre a mocidade e que se está traballando tamén no eido das familias para reforzar a transmisión interxeracional. Ademais, o Goberno autonómico está a dar un paso máis para afrontar os retos do século XXI con iniciativas pioneiras para interactuar en galego no mundo dixital co proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá aos cidadáns relacionarse en galego nos ámbitos dixitais no mesmo nivel que os falantes doutras linguas.

Desde o ano 2010

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase a anualmente cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. Este ano celébrase baixo o lema O uso da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe: desafíos e oportunidades, para reflexionar sobre o potencial da tecnoloxía para avanzar na educación multilingüe e apoiar o desenvolvemento dunha aprendizaxe de calidade para todos.

A Xunta de Galicia vén sumándose a esta celebración desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa Comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua materna. Na actualidade o galego é obxecto de estudo en 36 universidades nacionais e internacionais e hoxe en Galicia falan galego máis persoas que hai cinco anos, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Ademais, o último informe PISA constata que Galicia é a comunidade autónoma onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade. De feito, o 96% do alumnado afirma falalo o bastante ben como para conversar con outras persoas por diante das outras comunidades con lingua propia.
 

Comparte