Nova: As intervencións impulsadas pola Xunta en colaboración coa USC nas cavidades de Cova Eirós constatan novos períodos de ocupación nunca antes rexistrados

10/03/2022

As intervencións impulsadas pola Xunta en colaboración coa USC nas cavidades de Cova Eirós constatan novos períodos de ocupación nunca antes rexistrados

As 50 moedas romanas achadas na Cova das Cabras permite documentar que a cavidade xa estaba ocupada na segunda metade do século IV d.C.

Santiago de Compostela, 10 de marzo do 2022.- As escavacións impulsadas pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela este verán na Cova Eirós, no concello lucense de Triacastela, permiten ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades. Así, as 50 moedas romanas atopadas na Cova das Cabras permiten documentar un nivel de ocupación, da segunda metade do século IV d.C., non rexistrado ata a data, nin en Cova Eirós, nin noutros xacementos da contorna.

Nesta campaña de 2021, a intervención realizouse en dous espazos diferentes: a Cova Eirós, coa continuación da escavacións dos niveis do Paleolítico medio; e a apertura de novas catas na Cova das Cabras, unha cavidade veciña a Eirós. Os traballos foron executados por membros do grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social de Tarragona e da Universitat Rovira i Virgili, ao abeiro dun convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

As escavacións en Cova Eirós do nivel do Paleolítico medio (Nivel 4) axudan a afondar no coñecemento sobre os neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron esta cova como campamento durante tempadas relativamente longas; por iso, é o nivel onde se atopa unha maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos como é o caso de lascas, raspadeiras e os restos da súa manufactura, empregando o cuarzo e máis a cuarcita, e usados para procesar os animais cazados, as súas peles e na fabricación de ferramentas en madeira.

Estes grupos de neandertais cazaban cervos, rebezos e cabalos nos vales e bosques próximos que logo, unha vez despezados, levaban á cavidade. Algúns destes restos óseos conservan as marcas de corte feitas coas ferramentas líticas usadas para o seu descarnado. Os restos óseos amosan que Cova Eirós tamén foi ocupada alternativamente por carnívoros que usaban a cavidade como cubil ou oseira. Este tipo de ocupacións tiveron lugar nun momento de progresivo arrefriamento e onde os osos das cavernas, rinocerontes laúdos, rebezos, corzos, cervos e xabarís abondaban nos bosques e vales próximos.
En paralelo, realizáronse traballos de fotogrametría para facer levantamentos en 3D dos paneis que conteñen arte do interior de Cova Eirós e un estudo etnolóxico dos grafittis do interior da cavidade para comprender a consideración patrimonial dos veciños de Cancelo sobre Cova Eirós.

Cova das Cabras

A intervención na veciña cavidade de Cova das Cabras achegou novos datos sobre o uso das cavernas de Cancelo durante as épocas históricas. Na entrada escavouse unha pequena cata de 2m2, onde se recuperaron numerosos restos de ovicápridos e fragmentos cerámicos de época medieval. As evidencias arqueolóxicas indican un uso agropastoril desta pequena cova durante a Idade Media, complementario ao documentado en Cova Eirós. A cova foi empregada como lugar de resgardo de ovellas e cabras durante os séculos XII-XIII d.C. Este uso da cavidade, tal e como o seu nome indica, foi continuado polos veciños de Cancelo ata hai poucas décadas.

Porén, o achado máis salientable foi realizado no extremo máis interior da cavidade, a uns 20 metros da entrada. Na cata planeada no fondo da cavidade “recuperouse un tesouriño formado por unhas 50 moedas romanas que permite documentar un nivel de ocupación, da segunda metade do século IV d.C., ata a data, non rexistrado nin en Cova Eirós nin noutros xacementos da contorna”, sinalan dende o equipo investigador. O estudo numismático feito por Santiago Ferrer Sierra permitiu identificar varias delas como follis de bronce pertencentes a Constancio II (341-346 d. C.) e a Valentiniano ou Valente (367-375 d. C.). O seu achado no fondo da Cova das Cabras, un lugar de difícil acceso, indica a clara intencionalidade do seu agochamento.

A diferencia doutros contextos, os numismas non apareceron en cerámicas ou ánforas, senón concentradas na superficie da cavidade. Iso indica que moi probablemente esas moedas estaban gardadas nunha bolsa anoada, ben de tea ou de coiro, ao non atoparse, polo de agora, fíbulas para o seu peche. Este tipo de tesouriños non é alleo a outros contextos cantábricos en cova, e son relativamente frecuentes en castros (Valencia do Sil, Viladonga) e xacementos tardorromanos da Gallaecia, salientando o ambiente de inestabilidade política e social que define o imperio romano durante o século IV. Actualmente atópanse en fase de restauración na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia para posibilitar o posterior estudo da colección completa.
 

Comparte