Nova: A produción literaria galega destinada ao público máis novo superou as 150 publicacións no último ano

22/03/2022

A produción literaria galega destinada ao público máis novo superou as 150 publicacións no último ano

A escolma das obras recollidas no catálogo suma 157 libros de 23 editoriais, o que supón un incremento de 79 obras máis que o ano anterior e nove novas editoriais

O catálogo está presente desde hoxe na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, onde Galicia conta cun expositor propio para promover a literatura galega
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022.- A produción literaria galega destinada ao público máis novo rexistrou en 2021 un incremento con respecto ao ano anterior, ao sumar un total de 157 publicacións de 23 editoriais. Así se anunciou hoxe na presentación do Catálogo 2022 de libros infantís e xuvenís galegos elaborado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, en colaboración coa Xunta de Galicia, que recolle as publicacións galegas destinadas a este público no último ano.

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou que en total, o catálogo recolle 79 libros máis que o ano anterior e participaron nove editoriais máis que en 2021 algo que, como expresou, “é unha moi boa nova que demostra a paulatina recuperación do sector editorial e o bo camiño que está a levar a cabo a literatura infantil e xuvenil en galego coa intención de ir sumando progresivamente lectores”.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo fincapé na tendencia á alza do libro infantil e xuvenil algo que, indicou, “repercutirá sen dúbida no conxunto do libro galego”. Detrás destes datos está, dixo, “o innegable esforzo do sector” sumado ás numerosas políticas de fomento de lectura levadas a cabo, así como tamén ao labor desenvolvido polas bibliotecas escolares.

Cinco feiras este ano

Referiuse ao catálogo presentado hoxe como “unha ferramenta que desde que se vén editando nos últimos anos, está a constatar ser moi importante na proxección exterior da literatura infantil e xuvenil galega”. Redactado en inglés, castelán e galego recolle a ampla produción editorial publicada o ano pasado e vaise distribuír nas cinco feiras do libro do ano na que Galicia terá presenza.

De feito, desde hoxe mesmo o catálogo está presente no marco da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, un encontro que se celebra ata o xoves na cidade italiana e no que Galicia conta cun expositor oficial propio para dar a coñecer as novidades editoriais para os lectores máis novos. Están representadas editoriais como Bululú e Triqueta Verde así como a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Cóntase tamén con publicacións de Antela Editorial, Bunker Books, Edicións Fervenza, Auga Editora, Editorial Miudiño, QDQ EDITORA, Retranca Editora, Edicións do Cumio, Malas Artes Editorial entre outras, e no que tamén están dispoñibles máis de 200 obras.

Preto de 200.000 euros para promoción exterior

O expositor galego serve, ademais, como punto de encontro para levar a cabo reunións comerciais nas que dar a coñecer a oferta, impulsar e reactivar o negocio editorial nos mercados exteriores e favorecer o contacto con axentes de todo o mundo.

O Goberno autonómico destina este ano preto de 200.000 euros para promover a literatura galega no exterior a través das distintas feiras e certames internacionais. Así, tras Boloña, as vindeiras citas nas que a produción literaria galega terá presenza este ano co apoio da Xunta serán en Bos Aires no mes de abril, en Barcelona e Frankfurt no mes de outubro e en Guadalajara no mes de novembro.
 

Comparte