Nova: Actos de homenaxe ao poeta Manuel Rodríguez López

27/02/2015

Actos de homenaxe ao poeta Manuel Rodríguez López

O CEIP San Miguel (Paradela) acolle unha mostra que está decidada ao emigrante galego-poeta obreiro polo 25º aniversario do seu pasamento

O vindeiro 4 de marzo a exposición chegará á Casa de Galicia en Madrid

Paradela (Lugo), 27 de febreiro de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no concello lugués de Paradela nos actos de homenaxe a Manuel Rodríguez López, organizados no marco do Proxecto Manuel Rodríguez López -que impulsan Galicia Dixital e mais a familia do escritor coas colaboracións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Real Academia Galega, do Concello de Paradela e da deputación luguesa- co gallo do 25º aniversario do pasamento do poeta.

O acto central, no que se inaugurou a exposición ‘Manuel Rodríguez López. Emigrante galego-poeta obreiro’ e se fixo un recitado escolar de poemas do autor, desenvolveuse no CEIP San Miguel e contou tamén coa participación do alcalde de Paradela, José Manuel Mato; do director de Galicia Dixital, Antonio Giz; e da viúva do escritor, Irene López.

A continuación, celebrouse unha ofrenda floral no cemiterio municipal, onde está soterrado este poeta, cronista e tradutor falecido o 13 de febreiro de 1990.

Da itinerancia galega a Madrid
A mostra ‘Manuel Rodríguez López. Emigrante galego-poeta obreiro’ regresa a Paradela logo de arrancar a súa itinerancia neste concello e percorrer os de Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Vilalba, Begonte, Sarria, Portomarín e Barcelona. A vindeira parada deste proxecto será Madrid, onde a acollerá a Casa de Galicia a partir do vindeiro 4 de marzo.

 

Comparte