Nova: O CGAI conmemora o Día da Muller cun ciclo sobre as olladas femininas no cinema

03/03/2015

O CGAI conmemora o Día da Muller cun ciclo sobre as olladas femininas no cinema

O programa, que abre a nova carteleira bimestral da Filmoteca de Galicia, arranca coa proxección de Dos días, una noche dos irmáns Dardenne

Dedícase un apartado ás creadoras galegas con Muller(es)Muller de Inés Pintor, O tesouro de Corcoesto de Cora Peña e a fita Se dice poeta, na que participan as autoras Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro

Un especial sobre cine e pintura con motivo da exposición O primeiro Picasso, a visita de James Bennig, a conmemoración do centenario de Orson Welles e as estreas das seccións Fóra de Serie e Circuíto son outras das citas destacadas ata finais de abril

  • O CGAI conmemora o Día Internacional da Muller cun ciclo arredor das olladas femininas no cinema O CGAI conmemora o Día Internacional da Muller cun ciclo arredor das olladas femininas no cinema

A Coruña, 3 de marzo de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) programa desde hoxe e ata o vindeiro sábado unha nova edición do seu ciclo ‘Olladas de mulleres no mundo’, organizado xunto ao Consello da Cultura Galega con motivo da conmemoración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller. Este especial abre a carteleira marzo-abril na sede coruñesa da Filmoteca de Galicia con seis títulos que, pola súa autoría ou temática, nos achegan unha perspectiva feminina do cinema e entre os que se atopan tres fitas dedicadas a creadoras galegas.

‘Olladas de mulleres no mundo’ dá comezo esta tarde cunha sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas, do único título de dirección masculina incluído nesta serie: ‘Dos días, una noche’, unha película dos irmáns Dardenne sobre a situación laboral das mulleres durante a crise e pola que Marion Cotillard foi candidata a mellor actriz na pasada edición dos Premios Oscar.

O naturalismo dos belgas Jean-Pierre e Luc Dardenne, que lles valeu a Palma de Ouro de Cannes en dúas ocasións, enlaza co do filme francés ‘Mil noches, una boda’, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, que poderá verse mañá mércores tamén en sesión dobre. Neste caso, ofrécesenos o retrato dunha muller libre de 60 anos para abordar as complexidades dos afectos e a influencia do contorno social. A achega internacional a este ciclo complétase coa longametraxe ‘Amor Fou’ (venres 6, ás 18.00 e ás 20.30 h), na que a directora Jessica Hausner traza un lúcido e orixinal relato a partir da historia do poeta tráxico Heinrich von Kleist e a súa busca dunha compañeira para suicidarse en pleno Romanticismo alemán.

Creadoras Galegas de Imaxe
A representación galega neste ciclo vén da man de tres filmes agrupados baixo o subtítulo ‘Creadoras Galegas de Imaxe’, que se exhibirán en cadansúa sesión especial coa participación das propias autoras. Así, a directora Inés Pintor estará no CGAI o xoves 5, ás 18.00 horas, para presentar a fita ‘Muller(es)Muller’, producida por SocialDocs, na que amosa a vida e a evolución persoal e social de tres xeracións de mulleres dunha mesma familia. O mesmo día, ás 20.30 horas, Cora Peña será a encargada de introducir a proxección do seu ‘Tesouro de Corcoesto’, título adscrito ao chamado documental militante que pretende servir de reflexión para o debate arredor da explotación mineira.

Esa semana dedicada á muller no cine, na que todas as sesións son de acceso gratuíto, concluirá o sábado 7 coa obra ‘Se dice poeta’, na que a realizadora asturiana Sofía Castañón ofrece unha mirada de xénero sobre o panorama poético contemporáneo a través de 21 autoras, entre as que se atopan as galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro. As tres acompañarán a directora na presentación que terá lugar ás 18.00 horas.

Medio centenar de filmes
Arranca así a nova programación bimestral da filmoteca da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que desenvolverá tamén outros ciclos temáticos ata completar o medio cento de títulos programados. Entre eles, o especial que o CGAI dedicará a afondar na relación entre o cinema e a pintura coincidindo coa exposición ‘O primeiro Picasso’, aberta no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 24 de maio. ‘Fraude’ de Orson Welles, ‘Mr. Turner’ de Mike Leigh, ‘Shirley: visiones de una realidad’ de Gustav Deutsch ou ‘National Gallery’ de Frederik Wiseman son algúns dos 10 títulos desta escolma, que poderán verse en diferentes datas do 10 de marzo ao 21 de abril.

O devandito filme de Orson Welles inclúese, así mesmo, na retrospectiva coa que se renderá homenaxe a unha das grandes figuras da historia do cinema no centenario do seu nacemento. Aproveitando a saída de novas copias en formato DCP, o Centro Galego de Artes da Imaxe programará do 15 ao 24 de abril outros oito coñecidos títulos do realizador norteamericano: ‘Ciudadano Kane’, ‘El cuarto mandamiento’, ‘El extraño’, ‘Macbeth’, ‘Otelo’, ‘Mister Arkadin’, ‘Sed de mal’ e ‘El proceso’.

Master class con James Benning
Ademais, a finais de marzo dará comezo un ciclo arredor dos filmes en dixital do artista estadounidense James Benning, un dos máximos expoñentes do chamado cinema estruturalista. Con motivo desta antoloxía, organizada en colaboración con La Casa Encendida de Madrid, o propio Benning desprazarase a Galicia para intervir nun coloquio xunto a Lois Patiño coincidindo co proxección o sábado 28 da súa película ‘Ruhr’, que sinala o seu abandono do celuloide a prol do dixital, e para impartir o luns 30 unha master class arredor do seu proxecto ‘Two Cabins’. As persoas interesadas en asistir a esta sesión, de acceso libre ata completar a capacidade, poden reservar a súa praza a través do correo electrónico programacion.cgai@xunta.es.

Esta temporada tamén terán continuación outras das seccións habituais da Filmoteca: Off Galicia, a través da que se busca dar visibilidade á nova creación audiovisual galega; Fóra de Serie, con destacadas estreas que non atopan lugar nas salas comerciais; CGAI Júnior, destinada aos espectadores máis novos; ou o Circuíto de Cine Independente, do que o CGAI forma parte xunto con outras cinco salas de exhibición de centros culturais públicos: Tabakalera (Donostia), MUSAC (León), Centro Cultural Niemeyer (Avilés), Filmoteca de CulturArts-IVAC (Valencia) e Cineteca (Madrid).

A programación completa pode consultarse na web www.cgai.org.

Comparte