Nova: Mostra conmemorativa do centenario da Sociedade Filharmónica de Vigo
05/03/2015
Mostra conmemorativa do centenario da Sociedade Filharmónica de Vigo
Este colectivo incorpora cada vez xente máis moza e promove a cultura da música clasica na cidade
Vigo, 5 de marzo de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da mostra conmemorativa do Centenario da Sociedade Filharmónica de Vigo. Acompañado polo presidente da sociedade, Avelino San Luis Costas; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a deputada provincial de Pontevedra Marta Iglesias; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor a traxectoria e o legado desta asociación viguesa.
Unha traxectoria, segundo definiu Román Rodríguez, marcada polos “equipos que se sucederon na xestión desta sociedade”, grazas aos cales se converteu nun “referente” non só para Vigo, senón para toda Galicia. De feito, desde os seus inicios, a Sociedade Filharmónica viguesa traballou para promover a cultura da música clásica na cidade organizando concertos de forma ininterrompida durante o último século. É máis, por ela pasaron os principais intérpretes do século XX. Precisamente, esta exposición conmemorativa –que permanecerá aberta ao público ata o 21 de marzo– pretende ser un auténtico percorrido histórico por estes primeiros 100 anos de vida da sociedade, pero tamén unha ollada ao pasado e presente do patrimonio musical galego.
Hoxe en día, o colectivo traballa para conquistar un público cada vez más amplo, sobre todo á xente moza. Tal e como explicou o conselleiro de Cultura, a mostra está composta por imaxes de diferentes intérpretes e formacións, partituras dun alto valor “sentimental e documental” e valiosísimos instrumentos propiedade da Filharmónica. Entre eles, un piano de cola asinado por algúns dos virtuosos que actuaron para o colectivo. Román Rodríguez reivindicou o traballo dos intérpretes que os fixeron soar. Compositores galegos como Jesús Bal y Gay ou Andrés Gaos, así como pianistas como José Iturbi ou Alicia de Larrocha son parte da historia inesquecible dunha sociedade que este ano quere renderlles unha sentida homenaxe.
Apoio á oferta operística
A exposición enmárcase dentro dun amplo calendario de actos conmemorativos para celebrar dita efeméride, con motivo da cal a Consellería de Cultura achegará 15.000 euros a través dun convenio de colaboración. Este respaldo non é un feito illado, pois o departamento educativo da Xunta de Galicia vén colaborando con diversas entidades e iniciativas co obxectivo de ampliar e facer chegar á cidadanía a oferta operística en Galicia. Amigos da Ópera de Vigo, Amigos da Ópera de Santiago e a Tempada Lírica da Coruña 2014-2015 son algúns exemplos desa cooperación.
A maiores, e neste mesmo obxectivo de fomentar o gusto pola música clásica na sociedade galega, o Goberno galego tamén contribúe co financiamento das dúas orquestras sinfónicas de Galicia: a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.