Nova: Iníciase o proceso de declaración BIC do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera como mostra excepcional do barroco no rural galego

09/12/2022

Iníciase o proceso de declaración BIC do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera como mostra excepcional do barroco no rural galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente na categoría de monumento que abrangue a igrexa parroquial, a casa reitoral, espazos anexos e bens mobles

 

Coa apertura dos trámites, os bens gozan agora da protección estipulada pola Lei de Patrimonio e se procederá a continuación a solicitar informes aos órganos consultivos e asesores para resolver o expediente no prazo máximo de 24 meses

 

Como avanzou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nunha recente visita, este paso permitirá ao Concello acollerse a axudas para a súa rehabilitación

 

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento o conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera, en Covelo. Concretamente, afecta a un amplo conxunto de edificacións, construcións e terreos: a igrexa parroquial, a casa reitoral, as construcións adxectivas e os espazos vencellados a estas, o adro da igrexa e o igrexario. Tamén se inclúen máis dunha vintena de bens mobles pertencentes ao conxunto monumental. 

Á hora de incoar o expediente -que supón a protección imediata de todos estes bens-, os técnicos de Patrimonio Cultural da Xunta tiveron en conta o valor histórico do conxunto, ao que se califica como “mostra excepcional” da arquitectura da Diocese de Tui dos séculos XVI e XVII e, por extensión, da arquitectura barroca desenvolvida no médio rural galego. Tamén se valora a “elevada calidade” de todas as construccións que se emprega nos edifícios máis representativos unha fábrica de cantería de gratino que “lle outorga unha gran monumentalidade ao ben”.
 

En concreto, o expediente destaca o pazo abacial pola súa composición e singular distribución, así como dalguns dos elementos artísticos que o compoñen como a portada coroada pola “recoñecida e singular” peita, que se ten convertido no elemento máis representativo e simbólico do conxunto.

 Primeiro paso da folla de ruta

Tal e como explicou nunha recente visita o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, a incoación do expediente e posterior declaración BIC é o primeiro paso da folla de ruta do Goberno autonómico para este conxunto xa que a Xunta ten previsto participar despois na redacción do proxecto no que se definan os seus usos e, despois, o Concello podería acollerse ao 1,5% Cultural para acometer a rehabilitación do inmoble. Esta é unha nova mostra do importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade. De feito, declaráronse xa 106 BIC desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, o supón que Galicia teña na actualidade un total de 779 Bens de Interese Cultural.

 

Amplo conxunto

O conxunto parroquial de Barcia de Mera está constituído pola casa reitoral e a igrexa parroquial de Barcia de Mera que ocupan, de xeito illado, parte do igrexario parroquial. O pazo localízase na parte nordés, apegado ao camiño de acceso que conforma o límite leste da propiedade, mentres que a igrexa está no centro do adro. Ademais, existen dentro deste espazo outras construcións que completan o conxunto.

 

A igrexa ten planta de cruz latina, na que a nave central divídese en dous tramos desiguais separados por un arco que descansa en pilastras e que se manifesta ao exterior con contrafortes. A torre do campanario ten unha planta cadrada e está composta por tres volumes escalonados en altura. Acada unha altura de 20 m, moi superior á de calquera elemento do conxunto parroquial.

Como construción vinculada á igrexa parroquial, o expediente de incoación refírese ao adro, que ocupa a totalidade da explanada onde se ergue a igrexa delimitada por un muro poligonal. No perímetro do adro hai varios nichos mortuorios de pedra, de mediados do século XIX e principios do XX, algúns deles están coroados por figuras humanas e pináculos. Nun dos seus extremos, o leste, sitúase un altar, mentres que ao pé da fachada oeste e parte da norte, o adro está pavimentado con lousas de pedra, en parte recuperadas de antigas sepulturas.
 
Pola súa parte, o denominado pazo abacial, que tamén se destaca no expediente, serviu de residencia ao cura da parroquia, acollendo outras dependencias secundarias, tales coma un muíño, forno, adega, ferrería, hórreo, etc., dentro dunha importante explotación agrícola. A portada da fachada principal do edificio é o elemento máis singular de todo o conxunto. O oco da porta está decorado con catro orelleiras e sobre el disponse un arco alintelado que ten na súa clave diversos elementos ornamentais (florón, flor de lis e cuncha).
O escudo coas cinco estrelas, presente tamén no interior da igrexa e da sancristía, parte o frontón e aparece bordeado dunha profusa decoración vexetal e flanqueado por dous grandes floróns e un ribete que se revira formando unha especie de peite de cinco puntas nas que se dispoñen uns estrambóticos pináculos rematados por pinas e que coroa a singular figura humana que sostén unha gran esfera. A gran cheminea cilíndrica do pazo é un elemento excepcional, cunha presenza, visibilidade e notoriedade que compite coas do peite que sobresae da portada do edificio.

Por outra parte, o interior do pazo abacial conta con diversos elementos singulares como a propia cociña, ou as tres escaleiras de trama recto que conducen ao faiado e á planta inferior. Así mesmo, hai que indicar que o pazo abacial ten unha serie de construcións auxiliares: un alpendre apegado ao adro da igrexa, un hórreo, un lavadoiro e un gran muro de contención das terras da plataforma sobre a que se asenta o pazo.

 

Tamén se protexen total de 26 bens mobles procedentes do interior do conxunto arquitectónico de Barcia de Mera, entre os que se inclúen distintas tallas relixiosas e cruces procesionais e de relicario.

 
Protección e delimitación

O expediente inclúe o mapa que delimita o conxunto de edificacións, construcións e terreos protexidos. Como se explica no documento, a liña exterior do denominado igrexario de Barcia de Mera é asimilable coa parcela catastral da que é titular a Diocese de Vigo-Tui e englobaría a totalidade do conxunto parroquial.

Para a delimitación do contorno de protección tomouse como referencia a topografía, tratando de definir a cunca visual, e empregáronse os elementos xeográficos que constitúen límites físicos de por si, coma o río Alén, que tamén marca a división entre municipios; os camiños e estradas que acostuman a separar eidos distintos e o parcelario histórico na escala máis miúda.
 

Procedemento administrativo

Coa incoación do expediente, como se indica no Diario Oficial de Galicia, ábrese agora un período de información pública durante o prazo dun mes para posibles alegacións. Tamén se solicitará o ditame dos órganos asesores e consultivos para a resolución do expediente nun prazo máximo de 24 meses.

Comparte