Nova: A Xunta crea un centro de interpretación para facilitar as visitas no campamento romano de Ciadella, onde leva investidos 650.000€
10/12/2022
A Xunta crea un centro de interpretación para facilitar as visitas no campamento romano de Ciadella, onde leva investidos 650.000€
Tras as escavacións feitas en xullo, neste último trimestre tamén se restituíron as bases de granito do seu patio porticado que dan forma ao cuartel xeral
Román Rodríguez salienta o valor destes traballos por dar un paso máis á conservación e permitir “a divulgación do noso patrimonio arqueolóxico e impulsar o seu coñecemento por parte dos galegos dun dos fortes militares máis destacados”
O responsable de Cultura da Xunta destacou o valor dos últimos traballos por dar un paso máis na conservación e permitir “a divulgación do noso patrimonio arqueolóxico e facilitar a súa visita e coñecemento por parte dos galegos”, indicou. Referiuse, ademais, á importancia histórica deste xacemento “con gran repercusión na historiografía e na investigación arqueolóxica non só en Galicia senón tamén fóra dela”, xa que se trata, xunto ao Aquis Querquennis de Bande, en Ourense, dun dos dous fortes militares estables da época romana que se conservan actualmente na nosa Comunidade.
Durante este ano a Xunta leva realizadas varias actuacións no campamento, as máis recentes, neste último trimestre fíxose unha prospección xeofísica para ampliar o coñecemento científico sobre os restos atopados e tamén se restituíron as bases de granito do patio porticado do campamento para facilitar a súa comprensión. Realizáronse despois da última campaña arqueolóxica rematada en xullo, cando se constatou que o patio interior do cuartel xeral do campamento militar (os principia) estaría porticado en tres dos seus lados e cun tellado sustentado por 16 columnas.
Destes elementos de sustentación só se conserva unha das súas bases de granito. A vista destes feitos, con esta actuación reactiváronse as bases de granito desaparecidas para así facilitar a comprensión dos restos arqueolóxicos e darlle unha maior monumentalidade ao cuartel xeral do campamento de Ciadella.
Campañas arqueolóxicas
Finalmente, facilitouse tamén que os visitantes podan recibir información do campamento romano tras habilitar un pequeno espazo como centro de interpretación. Como explicou Román Rodríguez, en total, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades investiu 50.291€ nestas actuacións e eleva a preto dos 650.000€ o que leva destinado neste xacemento arqueolóxico nos últimos sete anos no marco do programa FEDER Galicia 2014-2020.
En concreto, a Xunta ten promovido distintas campañas arqueolóxicas e de acondicionamento no campamento que permitiron, entre outros aspectos, a escavación e consolidación da muralla, peche do xacemento, consolidación das estruturas arqueolóxicas. A última, rematada o pasado mes de xullo, fixo posible poñer en valor o cuartel xeral (principia) e a vía principalis do campamento romano.
Alto valor arqueolóxico
A nivel de protección patrimonial, este sitio arqueolóxico ten a condición de ben catalogado do Patrimonio Cultural de Galicia e atópase a pouco máis dun quilómetro do Camiño Norte de Santiago. Sitúase no lugar da Igrexa, parroquia de Santa María de Ciadella e é un forte militar de época romana, de planta rectangular e esquinas redondeadas, cunhas dimensións aproximadas de 178 metros por 148 metros, e cunha extensión de 2,63 hectáreas, delimitado por unha muralla e un foso no seu perímetro.