No relativo a un dos elementos de construción do territorio máis característico da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que é o abancalamento e construción de terrazas por medio de muros de pedra en seco de dimensións contidas, así como complementariamente a de edificacións auxiliares imprescindibles para a garda e transformación dos produtos, deben facerse unha serie de consideracións específicas.
Estas consideracións teñen un carácter global e poderán ser remitidas a esquemas e procedementos concretos que se desenvolvan no marco dun instrumento de protección específico da paisaxe cultural ou ferramenta de xestión equivalente, como o contemplado no artigo 59 da Lei 5/2016, do 4 de maio. En todo caso, a protección da paisaxe cultural, coma criterio, pasa por posibilitar a realización dos traballos que a sosteñen no marco dos requirimentos que as comunidades e as persoas que os traballan, de forma compatible coa apreciación do conxunto, dos seus valores singulares de carácter cultural e natural, de forma sustentable. Neste senso someteranse á autorización previa da DXPC as seguintes:
- Novas construcións, infraestruturas e instalacións de carácter definitivo, coas excepcións que se reproducen nos seguintes apartados.
- As obras de reestruturación e ampliación de inmobles non clasificados. No caso das de ampliación, estas estarán xustificadas por necesidades obxectivas de funcionalidade e polo beneficio que para a apreciación do conxunto na paisaxe poida supoñer a ampliación en relación a novas implantacións.
- A reconstrución de inmobles derruídos. A recuperación de edificacións tradicionais existentes en estado ruinoso será tamén un obxectivo prioritario e favorecerase a súa rehabilitación cando teña por obxecto posibilitar a posto en uso relacionada coas actividades tradicionais ligadas á sustentabilidade da paisaxe, á asistencia ás comunidades locais e os seus servizos, á interpretación cultural e natural do territorio e, excepcionalmente, a outras actividades complementarias ou servizos para os visitantes. Este tipo de intervencións, pola súa incidencia na xestión da paisaxe como ben de interese cultural como pola propia recuperación do patrimonio arquitectónico e etnolóxico, requirirá da autorización previa da DXPC.
- As actuacións que modifiquen a estrutura parcelaria ou os elementos configuradores característicos da estrutura territorial tradicional.
Nestes casos, nos que é precisa unha transformación do uso existente, será necesaria a autorización previa da DXPC que avaliará as condicións de integración da proposta. Non terán esta consideración as intervencións que afecten a unha única parcela catastral, sempre que non exceda de 2.000m, ou as que no seu conxunto sexan inferiores a esa extensión.
- Construción de novos accesos, que serán os mínimos, preferentemente en material de xabre compactado ou formigóns con áridos pardos e de largos limitados.
- As actuacións que teñan por obxecto a execución de novos socalcos en ámbitos que carezan deles, coas seguitnes tipoloxías:
- Construción de novos socalcos de pedra en seco, estando prohibido o uso como material de acabado do bloque ou muro de formigón ou do ladrillo cerámico. As dimensións dependerán da pendente existente pero non superarán a altura máis alta das muras tradicionais da súa contorna.
- Excepcionalmente, e cando as condicións de visibilidade, exposición e baixa pendente o permitan, permitirase o abancalamento sen necesidade da construción de muras, sempre que os noiros resultantes se axusten tamén ás limitacións de altura devanditas.
- As intervencións de mellora e integración ambiental de socalcos e edificacións existentes non tradicionais, para as que se empregará a pedra local (granítica ou xisto) e a cubrición tradicional do ámbito (tella ou lousa).