Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951), escritor, xornalista e editor, é unha das personalidades máis destacadas da Galicia literaria das últimas décadas. Profesor na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, actualmente é o director da Editorial Galaxia, o selo decano das editoriais galegas, que posúe unha división internacional con proxección e distribución na Arxentina baixo o nome de Mar Maior.
Membro da Real Academia Galega, o seu labor como ensaísta é fundamental en volumes como o libro de entrevistas Unha ducia de galegos (1976) ou a monografía Memoria dun fuxido (1980).
Como narrador, a súa obra arrinca cun título xa clásico para a literatura galega contemporánea, O triángulo inscrito na circunferencia (1982) —Premio Blanco Amor e Premio da Crítica Española—, e prosegue con O enxoval da noiva (1988) —Premio da Crítica de Galicia—, A cidade dos Césares (1993) —Premio Torrente Ballester— e Cabalo de ouros (2010) —Premio da Crítica Española—, traducido ao español no 2012 como Caballo de oros e editado por Siruela.
A novelística de Freixanes amalgama unha notoria capacidade para a recreación de atmosferas e situacións cunha acrisolada habelencia para a caracterización de personaxes subxugantes, que nos introducen en mundos complexos nos que con frecuencia o elemento mítico e simbólico está moi presente. Literatura de quilates que, en ocasións, tende pontes co mundo hispanoamericano e, particularmente, co arxentino.